O concello da Guarda aproba o seu orzamento 2026 cunha inversión record en infraestruturas e reforzando o gasto social

Redacción
  • As contas municipais medran un 4,11% respecto ao pasado ano, alcanzando os 8,79 millóns de euros
  • O ente municipal pecha o exercicio con débeda bancaria cero tras amortizar en 2025 todos os préstamos pendentes

O Concello da Guarda aprobou hoxe, en sesión plenaria, o Orzamento Municipal para o exercicio 2026, unhas contas que teñen como principais prioridades a mellora das infraestruturas, o reforzo dos servizos públicos e o incremento do gasto social.

O Orzamento Municipal para o 2026 ascende a un total de 8.789.551,58 euros, o que representa un incremento do 4,11% (347.241,32 euros) respecto ao exercicio 2025.

Un dos principais datos destas contas é o importante carácter inversor no 2026 con investimentos que suman un total de 7.574.990,15 euros, destinados a mellorar infraestruturas, equipamentos e espazos públicos, así como avanzar en ámbitos como a mobilidade, o deporte, a cultura, o turismo e os servizos municipais.

Unha parte moi importante deste volume de investimentos procede de fondos captados doutras administracións a través de diferentes liñas de financiamento da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra, do Estado e doutras administracións e organismos públicos. Para o Goberno municipal, esta capacidade de captar recursos externos é unha mostra da xestión realizada nos últimos anos que permite á Guarda afrontar actuacións de gran dimensión sen que o seu financiamento recaia exclusivamente sobre os recursos propios municipais.

As principais actuacións recollidas no Orzamento 2026 son as seguintes:

ACTUACIÓNORZAMENTO
Plan Camiño Rural66.120€
Equipamento Biblioteca Municipal61.452€
Mobiliario Sinde17.410,54€
Baños Campo de Fútbol147.638,89€
Rueiro da Campa35.805,32€
Cuberta concello vello44.236,55€
Escola Infantil Municipal39.628,32€
Piscina Municipal2.845.000€
Rúa Rosalía de Castro363.000€
Aparcadoiro disuasorio e Área de autocaravanas284.000€
Iluminación artística dique130.335,03€
Bouza da Fonte Plan Marco Xunta 26-2757.988,99€
Electricidade, calefacción e fontanería Biblioteca Municipal157.000€
Zona deportiva900.000€
Casa de D. Eloi700.000€
Obra Ireira107.000€
Cuberta Escola de San Lorenzo150.000€
Ponte Decantador Depuradora110.000€
Senda Camposancos1.290.643€
Pasarelas de madeira das praias50.000€
Inversión en colexios17.731,51€
TOTAL7.457,990,15€

A nova piscina municipal e a zona deportiva permitirán mellorar a oferta de instalacións destinadas á práctica deportiva e á promoción da saúde; a Senda a Camposancos, o Rueiro da Campa, a rúa Rosalía de Castro e a actuación na Ireira permitirán seguir avanzando na mellora da mobilidade e das conexións; e os investimentos na Biblioteca reforzarán os espazos destinados á formación, á cultura e ao coñecemento.

Ao mesmo tempo, a recuperación da Escola de San Lorenzo, a Casa de D. Eloi e a rehabilitación do antigo colexio Rodríguez Sinde permitirá dispoñer de novos espazos de encontro para a veciñanza e para as asociacións da Guarda. No ámbito turístico, a creación do aparcamento disuasorio, a área de autocaravanas e a iluminación artística do dique contribúen a reforzar o atractivo do municipio e a súa posición como un dos referentes turísticos de Galicia. Pola súa banda, o investimento na Escola Infantil Municipal e nos colexios son fundamentais para seguir mellorando os servizos destinados ás familias e aos máis pequenos.

Todo isto acompáñase dunha aposta polo incremento do gasto social, co obxectivo de que o crecemento orzamentario non se traduza unicamente en máis obra pública, senón tamén nun reforzo das políticas e servizos que teñen unha incidencia directa no benestar das persoas.

Outro dos grandes fitos económicos que acompaña á aprobación do Orzamento 2026 é a situación financeira do Concello da Guarda, que actualmente presenta unha débeda cero coas entidades bancarias, despois de que durante o 2025 se procedese á amortización de todos os préstamos que permanecían vixentes.

Esta situación permite ao Concello afrontar o exercicio vixente sen ningún préstamo bancario en vigor e sen os xuros asociados a estas operacións financeiras, reducindo así os gastos financeiros e liberando capacidade económica para destinala ás políticas e investimentos que afectan directamente á cidadanía.

Coa aprobación deste Orzamento 2026, a Guarda avanza cunha folla de ruta clara: máis investimento, máis servizos e unha xestión económica saneada, coa finalidade última de que cada actuación se traduza nunha mellora concreta na calidade de vida da veciñanza guardesa.

Comparte este artigo