A convocatoria de 2026 cobre ata o 100 % do orzamento presentado polas traídas veciñais, cun límite de 4.000 euros por entidade.
A alcaldesa, Nava Castro, destaca o compromiso municipal co rural e cun “servizo básico para milleiros de veciños e veciñas”.
O Concello de Ponteareas vén de resolver a convocatoria de subvencións destinada ás comunidades de usuarios de augas de consumo do municipio correspondente ao ano 2026. O Goberno local concedeu un total de 62.347,51 euros para contribuír ao financiamento dos gastos correntes destas entidades, reafirmando o seu apoio ao rural e ás traídas veciñais. Con esta resolución, o goberno municipal de Ponteareas continúa avanzando na súa política de apoio ás parroquias e de colaboración coas comunidades de augas, recoñecendo o papel fundamental que desenvolven na prestación e mantemento do abastecemento de auga en numerosos núcleos do municipio.
Nesta edición resultaron beneficiarias un total de vinte comunidades de usuarios. A convocatoria, que contaba cun crédito máximo de 70.000 euros, establecía unha axuda de ata o 100% do orzamento presentado, cun límite máximo de 4.000 euros por entidade. Para a distribución das achegas tivéronse en conta criterios como o número de usuarios, a corresponsabilidade financeira, a prestación de servizos a equipamentos colectivos, as subvencións recibidas en anos anteriores e o interese dos gastos de control e carácter sanitario.
As entidades que recibiron estas achegas son as comunidades de Abilleira e Casal, Paxora, Fozara, Cortellas, Barrio de Castro, Xinzo Norte, Camba, Portela, San Estevo de Cumiar, Guillade de Arriba, Guillade de Abaixo, Costa de Groba, Santa Cruz de Cumiar, Pías, San Lorenzo de Arnoso, Santiago de Oliveira, Parada e Rocha, Nogueira, Arcos e Coelleira-Rebordiños.
A concelleira delegada de Augas e Saneamento, Raquel Bautista, salientou que esta liña de subvencións permite “recoñecer o traballo diario e, en moitas ocasións, desinteresado que realizan as persoas responsables das traídas veciñais, contribuíndo desde o Concello a aliviar o esforzo económico que supón a súa xestión”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “estas axudas son unha mostra do compromiso do Concello co noso rural e co importante labor que realizan as comunidades de augas, que xestionan e manteñen un servizo básico para milleiros de veciños e veciñas das nosas parroquias”.
A rexedora subliñou o desexo do executivo de “estar ao lado destas entidades, axudándoas a afrontar os custos derivados do mantemento das instalacións, dos controis e das garantías sanitarias necesarias para ofrecer un servizo de calidade e seguro”.

