A cita será ás 20 h no Espazo Sociocultural en colaboración co Cine Club Tui
Cita co cinema mañá xoves, 17 de setembro, na programación do “Setembro Xudeu” promovida polo Concello de Tui. Será ás 20 h, no Espazo Sociocultural, coa proxección do filme “Lacombe Lucien” (1974) do prestixioso director francés Louis Malle.
A película, considerada unha das obras mestras de Malle, transcorre durante a Segunda Guerra Mundial. O protagonista, Lacombe, un mozo campesiño cuxo pai está prisioneiro en Alemaña é rexeitado polo xefe local cando tenta acceder á Resistencia, e acaba ingresando por azar na policía alemá. Lacombe ten unha capacidade asombrosa para amoldarse ás esixencias do seu novo posto. A súa vida cambia cando namora de France, a filla dun xastre xudeu.
Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, esta proxección ofrece unha película para a reflexión das actitudes persoais fronte á barbarie, fonte ás ideoloxías que non respectan os dereitos das persoas. Ana Núñez agradece a colaboración do Cine Club de Tui na elección desta obra así como do documental “Adio Kerida” de Ruth Behar proxectado a pasada semana e que forman parte do programa de actividades do Setembro Xudeu que promove o Concello de Tui.
“Lacombe Lucien” foi o candidato de Francia para o Óscar ó mellor filme internacional na 47ª edición dos premios, sendo finalmente nomeado.
A película causou controversia no momento da súa estrea, ao supoñer unha revisión sen tabús dun dos segmentos máis turbios da historia contemporánea de Francia: o período da ocupación nazi. Unha obra que, a partir do colaboracionismo francés cos nazis, tíranos á cara a barbarie de exercer o mal por estupidez, banalidade, poder ou, o que é mesmo peor, por preguiza, pola comodidade de non pensar. Esta xoia ten ademais outro aliciente: o seu coguionista é o Nobel de Literatura 2014, Patrick Modiano.
Louis Malle (1932-1995), director e guionista, é un dos máximos expoñentes da Nouvelle Vague. Estudou en colexios católicos e despois no elitista Institut d’*Études Politiques de París. Levaba o cine nas veas e desmarcouse para diplomarse no prestixioso IDHEC, formación que ampliou con Robert Bresson “ Un condenado a muerte se ha escapado” (1956). A súa moi variada e interesante carreira iniciouse codirixindo co comandante Jean-Yves Cousteau o subacuático documental “El mundo del silencio” (1956), Palma de Oro de Cannes e Óscar de Hollywood. Non foi un mal comezo, certamente, aínda que alleo no tema aos intereses futuros de Malle, que, con todo, dirixiu oito documentais máis, “Calcuta”(1969), entre eles. “Lacombe Lucien” (1974) provocou a súa saída de Francia cara aos Estados Unidos. O franceses non estaban preparados para a tráxica historia dun mozo de pobo sen fuste moral. Malle, como xa sucedera co adulterio dos amantes, acababa de escandalizar á sociedade francesa co incesto entre nai e fillo na espléndida “El soplo en el corazón” (1971). “Lacombe Lucien” foi a puntilla. Os franceses non querían nin oír falar do colaboracionismo cos nazis. Louis Malle viviu nos Estados Unidos uns 10 anos e rodou sete películas. Despois de “Black moon”, encadeou tres películas excelentes e inesquecibles: “La pequeña” (1978), sobre unha nena nun bordel; “Atlantic City” (1980), a obsesión dun gánster por unha moza que aspira a ser crupier, e a insólita “Mi cena con André” (1982), unha conversación sobre a vida e o teatro. Se as adaptacións de novelas marcaron os seus comezos, o teatro sinalizou o peche da súa carreira coa non menos insólita “Vania en la calle 42” (1994), a partir da obra de Antón Chéjov. No seu regreso ao cine francés, en 1987, Louis Malle deixou outra obra mestra, “Adios, muchachos” outra película sobre a ocupación baseada nunha experiencia propia: a detención pola Gestapo nun internado carmelita dun neno xudeu e do sacerdote que intentara protexelo.

