A actuación, cun investimento duns 700.000 euros, permitirá renovar o firme, mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria ao longo de 4,4 quilómetros da estrada provincial
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a deputada provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, visitaron as obras de rehabilitación da estrada provincial EP-2602 Peinador-Louredo, que a Deputación de Pontevedra está a executar no termo municipal de Mos.
A actuación abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 4+420 e conta cun orzamento de adxudicación uns 700.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses.
Durante a visita, na que tamén estiveron presentes os concelleiros Camilo Grandal, Julia Loureiro e Baldomero Lorenzo, a alcaldesa e a deputada provincial comprobaron sobre o terreo o avance dos traballos, que teñen como obxectivo mellorar o estado do firme e as condicións de seguridade viaria desta estrada provincial.
O proxecto contempla a rehabilitación estrutural do firme, incluídos saneos, nunha superficie de 13.660 metros cadrados, así como o fresado e reposición da capa de rodadura en 31.240,28 metros cadrados.
As obras inclúen tamén actuacións para mellorar a drenaxe, entre elas a instalación de 214 metros lineais de cuneta de seguridade de formigón, e o reforzo da protección da vía mediante 216 metros lineais de barreira de seguridade metálica.
A alcaldesa Nidia Arévalo destacou a importancia de continuar mellorando as estradas que atravesan o municipio e agradeceu á Deputación de Pontevedra a execución desta actuación na EP-2602, unha vía de conexión entre Peinador e Louredo.
Pola súa banda, Belén Cachafeiro sinalou que esta intervención forma parte do investimento da Deputación na mellora da rede viaria provincial e permitira actuar tanto sobre o firme como sobre elementos relacionados coa drenaxe e a seguridade da estrada.
Outras actuacións nas estradas provinciais
A intervención na EP-2602 súmase a outras obras que se están a executar no municipio de Mos nas estradas provinciais EP-2601 e EP-2603, tamén mediante convenios entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos.
O investimento destas actuacións permitirá continuar coa mellora e conservación da rede viaria provincial no municipio.

