A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) organiza as xornadas Avances e Estratexias na Insuficiencia Venosa Crónica (IVC) en Galicia, un encontro que reunirá profesionais expertas e expertos para analizar os avances no tratamento desta patoloxía e compartir estratexias para mellorar a atención ás persoas afectadas.
A xornada celebrarase o 18 de setembro de 2026, en horario de 9:00 a 13:30 horas, na Sala de Conferencias do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, situado na rúa Benito Corbal, 47.
A insuficiencia venosa crónica prodúcese cando as veas das pernas teñen dificultades para devolver o sangue ao corazón, o que provoca un aumento da presión venosa. Esta alteración pode causar síntomas como inchazo, sensación de cansazo e pesadez nas pernas, dor e aparición de varices. Nos casos máis avanzados, pode derivar en complicacións como cambios na pigmentación da pel e úlceras de difícil curación.
O sedentarismo, pasar moitas horas de pé ou sentado por motivos laborais, a obesidade e os antecedentes familiares son algúns dos factores que poden aumentar o risco de desenvolver esta enfermidade. Aínda que a insuficiencia venosa crónica se asocia con frecuencia a unha cuestión estética, o seu impacto vai moito máis alá, xa que pode condicionar a calidade de vida e o benestar das persoas afectadas. Por iso, estas xornadas teñen como obxectivo actualizar coñecementos, compartir estratexias clínicas e contribuír a visibilizar unha patoloxía cunha importante repercusión sanitaria e social.
O encontro conta co recoñecemento de interese sanitario da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que pon de relevo a súa relevancia científica e formativa. A directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Yolanda Sanduende Otero, acompañará a AGL no acto de apertura destas xornadas, que abordarán a insuficiencia venosa crónica como un problema de saúde que require atención e resposta asistencial.
Ao longo da mañá, os profesionais participantes afondarán na importancia dunha abordaxe multidisciplinar, que combine medidas relacionadas co estilo de vida, terapia compresiva e tratamentos farmacolóxicos específicos, así como técnicas cirúrxicas modernas cando estean indicadas.

