A actividade celebrarase o 3 de outubro no Multiusos das Pozas e reunirá persoas maiores e mozos e mozas para favorecer a transmisión interxeracional deste saber artesanal
O Concello de Mos acollerá o vindeiro 3 de outubro unha das xornadas do programa de voluntariado interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A actividade estará dedicada ao oficio tradicional dos zocos, nunha xornada na que as persoas participantes poderán achegarse a este saber artesanal e coñecer as posibilidades vinculadas á súa recuperación e posta en valor.
A xornada desenvolverase no Multiusos das Pozas, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, cunha duración total de ata oito horas.
O programa ten como obxectivo facilitar o encontro entre xeracións e favorecer a transmisión de coñecementos relacionados cos oficios tradicionais. As xornadas contan coa participación de persoas expertas nos diferentes oficios, encargadas de compartir cos asistentes os seus coñecementos e experiencia.
A iniciativa está dirixida principalmente a persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, aínda que tamén poden participar persoas doutras idades ata os 54 anos. En cada xornada poderán participar un máximo de 16 persoas, mediante un sistema de parellas.
A participación é gratuíta e a organización cubrirá a manutención durante o desenvolvemento da actividade, así como os seguros e as actividades formativas. Os gastos de desprazamento ata o lugar da xornada correrán por conta de cada participante.
O prazo de inscrición permanece aberto ata completar as prazas dispoñibles e a participación pode solicitarse a través da páxina web www.voluntariadogalego.org.
Entre os obxectivos da Rede Galega de Oficios Vivos atópase tamén contribuír á dinamización do medio rural, poñer en valor os saberes e tradicións transmitidos polas persoas maiores e achegar á mocidade as posibilidades de emprego e autoemprego relacionadas cos oficios tradicionais.
No caso da xornada de Mos, o oficio dos zocos será o fío condutor dun encontro que permitirá coñecer de preto unha actividade artesanal ligada á tradición galega e favorecer o intercambio de coñecementos entre participantes de distintas xeracións.

