Deportistas de todas as idades reuniranse este sábado 19 de setembro nun encontro organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello
A Praza do Calvario volverá encherse de deporte e convivencia esta fin de semana coa celebración da terceira edición do Torneo de Petanca Concello do Rosal, un encontro que reunirá este sábado 19 de setembro a deportistas de todas as idades nunha xornada de lecer aberta a todos os públicos.
Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, os diferentes equipos amosarán a súa maña e estratexia para conseguir a vitoria nas partidas que se disputarán pola mañá de 09.30 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 19.00 horas. Unha oportunidade de achegar á veciñanza este deporte tradicional que fomenta o compañeirismo, a participación e a convivencia.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que é unha satisfacción “ver como unha iniciativa que comezou hai tres anos continúa medrando e facendo da nosa praza un lugar de encontro tamén arredor do deporte. Queremos que as nosas prazas estean vivas, que sexan lugares nos que compartir e convivir e actividades como este torneo axúdannos a conseguilo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salienta que “a petanca e unha modalidade accesible, divertida e interxeracional que permite compartir actividade física e lecer. Este torneo é tamén unha boa oportunidade para achegala a persoas que aínda non a coñecen e para seguir promovendo unha práctica deportiva diversa no noso municipio”.
Fundado na Guarda no 2018, o Club de Petanca O Caldeiro conta na actualidade con máis de 80 integrantes asociados e afeccionados. O seu obxectivo fundacional é permitir a persoas de distintas idades gozar da petanca, fomentando o deporte como factor de calidade de vida, difundindo a práctica desta modalidade, dando pulo ao traballo en equipo e tecendo vínculos entre localidades próximas.

