Beatriz Cabaleiro presenta en Mos “A liberdade que me habita”, unha novela xuvenil sobre identidade, liberdade e diversidade cultural

Redacción

A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena acolleu a presentación da nova obra da escritora, xornalista e docente galega, protagonizada por unha moza de orixe marroquí que aspira a competir nuns Xogos Olímpicos

A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena de Mos acolleu este xoves a presentación de A liberdade que me habita, a nova novela da escritora, xornalista e docente galega Beatriz Cabaleiro, nun encontro organizado polo Concello de Mos dentro da súa programación cultural.

Durante a presentación, na que a autora estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo editor César Lorenzo, a autora deu a coñecer unha obra dirixida especialmente ao público xuvenil a partir de 14 anos e publicada por Aira Editorial, na que aborda cuestións como a identidade, as raíces, a diversidade cultural, a integración, a pertenza e a liberdade persoal.

A protagonista da novela é Zahira, unha moza de orixe marroquí que vive en Galicia e que persegue o soño de converterse na primeira triatleta que represente a Marrocos nuns Xogos Olímpicos. A súa historia vai, con todo, máis alá da práctica deportiva. Zahira enfróntase tamén ao proceso de descubrir quen é e cal é o seu lugar no mundo, entre as súas raíces familiares e o contexto no que medrou.

O deporte convértese así nun dos fíos condutores dunha historia de superación e de procura da propia identidade, na que a protagonista debe tomar as súas propias decisións e construír o seu futuro sen renunciar ás diferentes partes que forman a súa identidade.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou durante o encontro a vinculación da autora co municipio e a oportunidade de contar novamente coa súa presenza na biblioteca municipal.

“Para Mos é unha satisfacción volver contar con Beatriz Cabaleiro na nosa biblioteca. É unha autora próxima, vinculada ao noso territorio e cunha obra que nos permite achegar a literatura á mocidade e falar de valores como a liberdade, o respecto e a diversidade”, sinalou a rexedora.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, quixo destacar o papel das bibliotecas municipais como espazos de encontro arredor da cultura e da lectura. “Desde o Concello queremos que as nosas bibliotecas sexan espazos vivos, de encontro e de participación. Presentar unha obra como A liberdade que me habita permítenos achegar a literatura ao público xuvenil e abrir unha reflexión sobre a identidade, as raíces e a liberdade para escoller o propio camiño”, afirmou.

A responsable municipal engadiu que “é especialmente importante dar visibilidade ás escritoras e escritores do noso contorno e facilitar o contacto directo entre autores e lectores”.

Unha autora vinculada a Mos

A presentación tivo tamén un significado especial pola relación de Beatriz Cabaleiro co municipio. A escritora ten raíces familiares en Mos, concretamente en Sanguiñeda e na Florida, en Pereiras, e xa participou en diferentes actividades literarias desenvolvidas na Biblioteca Pública Municipal María Magdalena, entre elas un encontro de autoras locais con motivo do Día das Escritoras.

Nacida en 1992, Cabaleiro estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e ampliou a súa formación en lingua inglesa en San Francisco. A súa traxectoria profesional está vinculada ao xornalismo, á docencia, á comunicación e á literatura.

É tamén autora de Clover, unha porquiña diferente, un álbum bilingüe galego-inglés dirixido ao público infantil e finalista do Premio Frei Martín Sarmiento.

A liberdade que me habita está dispoñible en galego e castelán e combina deporte, emoción e reflexión a través da historia de Zahira, nunha proposta literaria que invita o público lector a reflexionar sobre a identidade, as raíces e a liberdade para decidir o propio camiño.

Comparte este artigo