O concello de Nigrán abre desde o luns os sucesivos prazos para inscribirse nas actividades deportivas e culturais municipais

Redacción

O alumnado empadroado inscrito no curso pasado que desexe manter a mesma actividade e horario debe formalizar a praza online en www.actividadesnigran.es ou ben presencialmente entre o 21 e 22 de setembro. Tenis, teatro e música terán formas e prazos de inscrición diferenciados

Todo aquel que queira estrearse nunha actividade ten que acudir ao Auditorio entre o 24 e 25 de setembro. As prazas vacantes para non empadroados distribuiranse o 29 de setembro

Mantéñense os prezos que rexen desde o ano 2017 e unha oferta de case mil prazas en 17 disciplinas

O Concello de Nigrán abre a partir do día 21 de setembro e en sucesivos periodos o prazo de inscrición nas actividades deportivas e culturais municipais mantendo os prezos públicos vixentes desde o ano 2017 e ofrecendo 601 prazas para 11 modalidades deportivas (actividad física de mantemento, actividad física para maiores, aerobic-step, ioga, tai-chi, surf, pilates, zumba, tenis, marcha nórdica e adestramento funcional) e 210 para as 6 culturais (cerámica, pintura, gravado, torno, teatro e cómic). Toda a información sobre as inscricións e os horarios orientativos está pendurada na web www.nigran.es .

Coma sempre, o alumnado empadroado en Nigrán que cursara unha actividade neste curso pasado ten a praza reservada no mesmo horario e, se desexa continuar sen cambios, pode formalizada online na web www.actividadesnigran.es ata o 22 de setembro ás 23:59 horas ou presencialmente o 21 e 22 de setembro no Auditorio Municipal de 9:00 a 13:00 horas. As excepcións son Tenis, que se debe facer presencialmente no Pavillón de Panxón (29 e 30 de setembro); Teatro, na web de Teatro do Ar ou nun link nas súas redes sociais; e Música presencialmente na Escola Municipal cos seus propios prazos (martes 29 de setembro alumnos con reserva de praza e mércores 30 novos alumnos).

Por outra banda, o 24 e 25 de setembro abre o prazo para aquelas persoas empadroadas que desexen iniciarse nunha nova actividade neste curso, debendo solicitar a praza presencialmente (Auditorio Municipal de 9:00 a 13:00 h).

Finalmente, o 29 de setembro abre o prazo de inscrición para persoas non empadroadas no municipio e só onde quedaran vacantes (Auditorio Municipal de 9:00 a 13:00 h).

As actividades culturais comezarán coma sempre o 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2027, mentres que debido ás obras de reparación da cuberta do pavillón as deportivas (agás tenis e surf) iniciaranse o 1 de novembro e rematarán o 30 de xuño de 2027. O Concello mantén os mesmos prezos e bonificacións que rexen desde o ano 2017 (75 € todo o curso para empadroados e 100 € para non empadroados).

“As actividades deportivas e culturais municipais do curso escolar teñen como finalidade fomentar e promocionar o deporte e as artes entre toda a poboación, por iso as ofrecemos cun prezo accesible a tódolos petos e unha calidade excelente”, valora o alcalde, Juan González.

Comparte este artigo