O Concello de Mos anuncia unha nova andaina de 22 quilómetros entre Herville e o monte Aloia

Redacción

A actividade, programada para o domingo 27 de setembro, terá saída ás 9.30 horas desde a Asociación de Veciños de Herville e incluirá música tradicional durante o percorrido

O Concello de Mos organiza unha nova edición das súas andainas polo patrimonio natural do municipio, cun percorrido de 22 quilómetros que conectará Herville co monte Aloia e terá tamén como punto de chegada Herville.

A actividade celebrarase o domingo 27 de setembro e dará comezo ás 9.30 horas na Asociación de Veciños de Herville. A ruta terá unha duración aproximada de cinco horas, repartidas entre a ida e a volta, e presenta unha dificultade media.

Nesta ocasión, a proposta incorpora tamén un compoñente musical. A organización anima ás persoas participantes que toquen algún instrumento a levalo para acompañar o percorrido e poñer música á xornada.

As persoas que participen deberán levar roupa e calzado axeitados para a actividade. Recoméndase especialmente utilizar calzado cómodo e con boa suxeición, protección solar e, para quen o precise, un bastón de apoio. Tamén será necesario levar auga.

Andaina apta para todos os públicos

Os animais de compañía tamén poderán participar na actividade, sempre baixo a responsabilidade das súas persoas propietarias. Nos tramos nos que a ruta atravesa vías pavimentadas, os cans deberán ir agarrados.

A organización ten previsto realizar unha parada para xantar. Cada participante deberá levar a súa propia comida e bebida. Ás 9.15 horas, aproximadamente, será posible deixar neveiras coa comida e bebida nunha furgoneta do Concello para o seu transporte ata o monte Aloia.

O regreso da andaina está previsto para as 16.00 horas. As persoas que prefiran regresar en coche deberán organizar o seu propio transporte e comunicalo previamente á organización.

A xornada completarase con música tradicional, empanadas, auga, roscón e café.

A participación require inscrición previa, que pode realizarse a través da páxina web municipal mos.es/andainas-medioambiente.

A iniciativa enmárcase no programa Coidamos, promovido pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos, e busca combinar a práctica da actividade física coa posta en valor dos espazos naturais do municipio e o fomento do respecto polo medio ambiente.

Comparte este artigo