O Concello do Porriño aposta por achegar a historia e a cultura do municipio a novos públicos coa revista FENDA

Redacción
  • A nova publicación, impulsada e coordinada polo escritor e historiador porriñés Diego Giráldez, presentarase o mércores 23 de setembro, ás 20.00 horas, no templete de Antonio Palacios

O Concello do Porriño aposta por achegar a historia e a cultura do municipio a novos públicos coa creación da revista FENDA. Historia e Cultura do Porriño. Unha revista coordinada polo escritor e historiador porriñés Diego Giráldez, que se presentará ao público o próximo mércores 23 de setembro, ás 20.00 horas, no Templete de Antonio Palacios.

FENDA nace coa intención de mirar O Porriño desde a memoria, pero tamén desde o presente. Unha revista divulgativa, próxima e aberta a todos os públicos que parte da idea de que historia e cultura non camiñan por separado.”Unha publicación para rescatar a nosa historia, pero tamén para ver o noso presente e o noso futuro xa que conecta o pasado cos novos creadores e creadoras”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. 

É unha revista para mirar o pobo dende a súa historia e patrimonio, e tamén para dar espazo a novos proxectos culturais e ás novas creadoras e creadores do municipio. E todo contado cun enfoque actual e divulgativo para chegar a distintas franxas de público

O primeiro número propón unha viaxe por diferentes momentos, lugares e protagonistas da historia e da cultura porriñesa. Entre os seus contidos están un percorrido polas antigas Festas do Cristo, a historia das salas de cine e de como se vivía o cinema no municipio ou unha aproximación ao peto de ánimas de San Antón de Budiño. A revista dedica tamén un dos seus reportaxes á tradición panadeira do Porriño e incorpora unha sección centrada na historia do tecido empresarial do municipio.

A publicación conta coa colaboración de diferentes voces vinculadas á cultura, á creación e á investigación, entre elas Samuel Merino, Areta Bolado, Antía Villaverde, Rubén Silva e Manrique Fernández. A presenza de autores de diferentes xeracións responde tamén á vontade de FENDA de conectar a memoria do Porriño coas persoas que hoxe crean, investigan e constrúen a vida cultural davila

A revista recupera historias e documentos do pasado, pero faino desde unha mirada contemporánea, con textosaccesibles e un tratamento visual, deseñado por IdeArte Estudio, pensado para achegar o patrimonio e a memoria local a un público amplo. Porque, como sinala o editorial deste primeiro número, o patrimonio non consiste só en conservar o que herdamos, senón tamén en saber recoñecer aquilo que está a nacer diante dos nosos ollos.

Con FENDA, o Concello do Porriño pon en marcha un novo espazo para coñecer, divulgar e compartir a historia e a cultura do municipio, tendendo unha ponte entre a memoria, o presente e as novas xeracións.

Comparte este artigo