O BNG leva ao Pleno a adopción de medidas urxentes para resolver os problemas de saneamento derivados do colapso da EDAR de Meira

Redacción

Daniel Martín: “o colapso da EDAR provocou graves verteduras directas de augas fecais sen depurar cara ao leito fluvial. Mais a pesar das reiteradas queixas e denuncias, a veciñanza segue condenada a aturar uns cheiros insoportables que fan o día a día invivible”

O ven de presentar unha moción para debater no pleno do vindeiro 8 de outubro sobre o estado de abandono da EDAR de Meira e as verteduras no río Gallo.

A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Meira é a infraestrutura de saneamento máis importante do concello de Cuntis eo seu correcto funcionamento é vital non só para o benestar diario da nosa veciñanza, senón para a preservación ecolóxica do noso termo municipal, especialmente do río Gallo.
“Tal e como denunciamos o 25 de agosto, o colapso no servizo provocou graves verteduras directas de augas fecais sen depurar cara ao leito fluvial. Mais a pesar das reiteradas queixas e denuncias, a veciñanza segue condenada a aturar uns cheiros insoportables que fan o día a día invivible, vulnerando o seu dereito fundamental a unha calidade de vida digna”, afirmou o portavoz nacionalista, Daniel Martín.

Mentres tanto, o Concello segue a acumular sancións por verteduras que acaban pagando todos os veciños e veciñas do peto público por mor da incompetencia do goberno municipal.
“A orixe do caos ten nomes e apelidos: a dos responsables políticos que sabían perfectamente que a xubilación dos operarios municipais deixaba a planta sen o control que require e, con todo, decidiron cruzarse de brazos, e non repoñer o persoal, deixando unha infraestrutura crítica en “piloto automático”, o que provocou o seu colapso”, afirmou o voceiro nacionalista, Daniel Martín.

Cuntis non pode sosterse máis a base de “parches” e escusas de mal pagador. Esiximos que o goberno municipal asuma a súa responsabilidade, dea a cara ante a veciñanza e actúe de inmediato.

Na moción que se tratará no vindeiro pleno, o BNG esixe ao Goberno Municipal a asignación inmediata do persoal necesario para realizar as tarefas diarias de mantemento, control e vixilancia ambiental na EDAR de Meira, a elaboración dun plan de choque para poñer en funcionamento a depuradora, unha avaliacion dos danos ao rio Gallo e a elaboración dun plan de rexeneración ambiental e limpeza do seu leito nas zonas afectadas polas recentes verteduras de residuos orgánicos fecais.

Por último, o BNG esixe unha revisión do resto de depuradoras do concello para comprobar o seu estado de funcionamento e evitar que se poida repetir outra catástrofe ambiental.

Comparte este artigo