O grupo Fiuncho Negro coróase gañador do LVIII Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

Redacción

A alcaldesa Nava Castro enxalzou a figura de Wenceslao Cabezas “Polo”, homenaxeado no evento, como un piar fundamental para a historia viva e a transmisión da nosa música tradicional.

O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, subliñou o excelente nivel técnico dos dez grupos participantes e a consolidación do certame máis antigo de Galicia.

O palmarés completouse cos premios para Gargallada no segundo posto, Rodamuíños no terceiro e Confol na cuarta posición.

O Auditorio Municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas converteuse no epicentro da música tradicional a fin de semana, coa celebración da quincuaxésimo oitava edición do Concurso de Gaitas do País, o certame máis antigo de Galicia. Despois dunha intensa xornada musical na que dez formacións de primeiro nivel interpretaron cadansúas dúas pezas regulamentarias, o xurado do certame ditaminou por unanimidade que o grupo Fiuncho Negro é o gran vencedor deste ano, alzándose co prestixioso primeiro premio dotado con 2.000,00 euros e unha gaita doada por Artesanía de Galicia, que foi elaborada no taller local de Gaitas Gil.

A competición, cuxa orde de actuación determinou mediante un sorteo previo, mantivo un altísimo nivel técnico grazas ás intervencións de grupos procedentes de diferentes puntos do territorio. O palmarés definitivo desta edición completouse co grupo Gargallada no segundo posto, quen levou un premio de 1.600,00 euros e un tamboril elaborado por Sanín Percusión Tradicional e doado por Artesanía de Galicia. O terceiro premio, cunha contía de 1.200,00 euros, foi para Rodamuíños, mentres que a formación Confol obtivo o cuarto lugar cunha recompensa de 800,00 euros.

Esta quincuaxésimo oitava edición tivo unha carga emocional única, xa que se rendeuhomenaxe a Wenceslao Cabezas “Polo”. Recoñecido de xeito unánime como unha figura cumio na transmisión, docencia e conservación da música e o baile tradicional galego.

O concelleiro de Cultura,Juan Carlos González, destacou a calidade artística do evento, sinalando que “seguimos apostando firmemente por potenciar o coñecemento dos nosos músicos e por recoñecer a traxectoria de quen mantén viva a nosa esencia”. Por outra banda, fixo alusión a alta receptividade dos grupos co certame e o éxito do mesmo en cuanto a participación, confirmando que “na vindeira edición modificaránse as bases para acoller un maior número de grupos participantes e que ningún quede fora, como sucedeu nesta ocasión”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou a relevancia de manter vivo este legado, xa que “o Concurso de Gaitas do País é o orgullo cultural da nosa vila e o máis antigo da nosa terra”. Castro destacou que este ano, ademais, “tivemos a honra de homenaxear a ‘Polo’, un home cuxo compromiso e xenerosidade deixaron unha pegada imborrable en xeracións de músicos galegos. Con este recoñecemento, Ponteareas devolve unha pequena parte de todo o que el nos brindou”.

Comparte este artigo