A Xunta salienta que Galicia conta cunha estratexia de acción climática integral e transversal que sitúa a comunidade á vangarda contra o quecemento global

Redacción
  • Ángeles Vázquez lembra que esta estratexia xa está tendo resultados ao ser Galicia unha das rexións europeas, e a primeira a nivel nacional, que máis logrou reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990
  • Fai fincapé en que xa hai actuacións en marcha a través de accións ambiciosas, realistas e feitas desde o rigor, como, por exemplo, o traballo que se está a desenvolver para consolidar Galicia como refuxio climático
  • Lamenta que a inacción do Goberno central e o seu retraso na tramitación do Plan social polo clima poña en perigo 62 proxectos galegos e un investimento de case 2.000 millóns de euros de fondos europeos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que Galicia conta cunha estratexia de acción climática integral, transversal e multidisciplinar que sitúa a Comunidade á vangarda contra o quecemento global.

Durante a súa resposta a unha interpelación parlamentaria, Ángeles Vázquez incidiu en que Galicia dispón xa desde 2019 cunha Estratexia de cambio climático que se está implementando a través do desenvolvemento dos plans rexionais integrados. En concreto, a través do primeiro plan, que rematou en 2023, executáronse 139 medidas cun investimento de 1.140 millóns de euros. E xa está en plena execución o segundo plan con horizonte temporal 2030 con 93 medidas previstas e un financiamento de preto de 1.800 millóns de euros.

Logo de lembrar que esta estratexia xa está tendo resultados ao ser Galicia unha das rexións europeas -a primeira a nivel nacional- que máis logrou reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990, a conselleira explicou que o Goberno galego segue traballando nos obxectivos clave, que son, ademais de seguir reducindo esas emisións, adaptarnos ás consecuencias do quecemento global, investigar posibles causas e efectos, e incidir na formación, concienciación e divulgación social.

Nese senso, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que para cada un deses eidos “temos actuacións en marcha a través de accións ambiciosas, realistas e feitas desde o rigor”, como, por exemplo, o traballo que se está a desenvolver para consolidar Galicia como refuxio climático e converter os nosos concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e con mellor calidade de vida. De feito, nos últimos dous anos investimos 4 millóns de euros en apoiar ás administracións locais financiando 75 proxectos de refuxios climáticos. A maiores, a Xunta está traballando na creación da rede de refuxios climáticos, tal e como establece a Lei do clima de Galicia.

E esta aposta inclúe desde os pequenos concellos ata as grandes cidades, como é o caso de Ourense, onde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está desenvolvendo un proxecto piloto a través do que se dotará o municipio dun espazo verde resiliente onde poder protexerse de eventuais episodios de calor.

Así mesmo, a Xunta tamén esta traballando noutros ámbitos que contribúen á afrontar esta nova realidade climática como é a conservación da biodiversidade ou, no eido da xestión da auga, o desenvolvemento dunha estratexia integral de prevención e resposta inmediata ante episodios de seca e tamén para previr posibles inundacións con máis planificación e investimentos.

Inacción do Goberno central

Mentres que a Xunta leva anos traballando para situar a Comunidade á vangarda da acción climática, o Goberno central mantén unha inacción que pon en perigo 62 proxectos galegos e un investimento de case 2.000 millóns de euros.

En concreto, a conselleira, nunha resposta a unha pregunta parlamentaria, lamentou que a Xunta aínda non teña información sobre as alegacións que presentou ao  borrador do Plan social polo clima, que, segundo lembrou, é o documento a través do cal as comunidades autónomas poden acceder a financiamento do Fondo social para o clima da Unión Europea.

Nese senso, Ángeles Vázquez criticou que, ademais de presentar o Fondo con case un ano de retraso con respecto ao prazo establecido pola UE, o Goberno central non especificou nese borrador as medidas que foron aceptadas, as que foron modificadas ou cales foron descartadas. Ademais, tampouco informou sobre os criterios empregados para elixir os proxectos incluídos.

Ante esta situación, a conselleira insistiu en que a incompetencia do Goberno central non pode frear a acción climática nin as políticas de apoio aos colectivos máis vulnerables. De feito, Galicia xa comezou a desenvolver con fondos propios actuacións en materia de transición enerxética, vivenda, mobilidade sostible e adaptación ao cambio climático.

Comparte este artigo