Ponteareas destina preto de 38.000 euros a apoiar a actividade dos centros e casas culturais do municipio

Redacción

Un total de 21 entidades resultan beneficiarias da convocatoria municipal, coa que o Concello reforza o seu apoio ao tecido cultural e asociativo das parroquias

O Concello de Ponteareas vén de resolver a convocatoria de subvencións de apoio á cultura correspondente á anualidade 2026, coa concesión dun total de 37.677,19 euros a un total de 21 centros, casas culturais e asociacións do municipio. Esta liña de axudas, que estaba dotada cun crédito máximo de 40.000 euros e un límite de 4.000 euros por entidade, ten como finalidade apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que xestionan estes espazos no desenvolvemento da súa actividade diaria.

As subvencións outorgadas permitirán ás entidades beneficiarias financiar gastos directamente relacionados coa súa actividade cultural ordinaria. Entre os conceptos recollidos nas bases inclúense as subministracións, pequenas reparacións e mantemento das instalacións, o alugamento de materiais e equipamentos, a contratación de servizos culturais, os seguros vinculados á actividade ou as accións de publicidade e difusión.

Para a distribución destas axudas, o Concello tivo en conta criterios obxectivos como o número de socios de cada entidade, o volume de actividades desenvolvidas, as iniciativas culturais organizadas e financiadas polas propias asociacións, os gastos de funcionamento asumidos ou o emprego da lingua galega na difusión dos eventos.

O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, salientou que «contribuímos aos gastos que supón manter estes espazos e desenvolver unha programación cultural estable». González destacou que «os centros e casas culturais son unha parte fundamental da vida das nosas parroquias, lugares de encontro, de convivencia e de participación nos que, grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas, se mantén unha actividade constante ao longo de todo o ano».

Pola súa banda, a Alcaldesa, Nava Castro, amosou o compromiso do goberno local para «corresponder a ese esforzo con recursos e apoio», engadindo que estas axudas son «unha forma de recoñecer o traballo diario das asociacións e das persoas que están detrás delas, dedicando o seu tempo a dinamizar as parroquias e a manter vivas as nosas tradicións e a nosa cultura». «Queremos unhas parroquias con vida, con actividade e con espazos nos que a veciñanza poida encontrarse e participar. O tecido asociativo é imprescindible para conseguilo e vai seguir contando co apoio deste Concello», concluíu a alcaldesa.

Comparte este artigo