O Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha unha nova campaña de fomento da compostaxe doméstica coa que entregará 100 composteiros de balde a vivendas unifamiliares do municipio. Trátase dunha iniciativa dirixida a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Quen pode solicitalo?
Pode acceder a este composteiro toda persoa que resida nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo de 25m2. A veciñanza interesada pode realizar a solicitude de dúas formas:
. A través da solicitude online, dispoñible escaneando o código QR incluído na cartelería informativa da campaña
.Chamando ao teléfono do Concello: 986 658 126
Características do composteiro!!
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e debe instalarse no exterior da vivenda, tendo en conta unhas recomendacións básicas para o seu correcto funcionamento:
.Situalo nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas
.Preferiblemente, baixo unha árbore de folla caduca
.En contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores
Recuperar unha tradición do rural galego
Coa posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Salvaterra de Miño busca poñer en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica. Ademais, esta campaña supón unha oportunidade para recuperar unha tradición xa asentada no rural galego – a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost-, actualizándoa mediante un sistema máis óptimo, hixiénico, cómodo e eficiente.
Deste xeito, o Concello reafirma o seu compromiso coa xestión sustentable dos residuos e coa mellora ambiental do municipio, ofrecendo á veciñanza unha ferramenta sinxela e gratuíta para reducir a xeración de residuos orgánicos dende os propios fogares.

