- O Concello do Porriño aposta por achegar a historia e a cultura do municipio a novos públicos coa creación desta revista sobre Historia e cultura do Porriño.
- O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con Diego Giráldez, o coordinador da revista, e algúns dos participantes nesta nova publicación, debullou o contido do seu primeiro número nun acto celebrado no emblemático Templete de Antonio Palacios,ateigado de público
Cunha magnífica interpretación do poeta Samuel Merino de “Abastos anos 90” comezou a presentación de “Fenda, Historia e cultura do Porriño”, a revista editada polo Concello do Porriño que debulla a historia do municipio, pero tamén o seu presente, e que abre un oco a novos creadores. Entre eles, Antía Villaverde ou Rubén Silva, dous estudantes que demostran coa súa participación nesta revista que a cultura ten moito futuro no municipio.
Un punto que quixo destacar o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen asegurou que este era só o primeiro número dunha revista á que augura un longo futuro, xa que o municipio está cheo de historias que contar e de novos creadores que precisan espazos para expresarse. Esta revista é un deses espazos, pero destacou tamén o cine, a piques de abrirse, o novo auditorio ou a praza Antonio Paz Valverde. Lugares onde a arte e a cultura estarán presentes, ao igual que Fenda. Neste senso lembrou outras iniciativas editoriais que se fixeron na vila, con especial mención a Revista OPino e a Pedro Ocampo, recentemente fallecido,poñendo en valor o seu labor e a súa figura.
Fíxoo ante un auditorio cheo, baixo o templete de San Luis de Antonio Palacios, outra mostra da pegada cultural da vila.
Samuel Merino, Areta Bolado, Juancho, Manrique Fernández, Antía Villaverde e Rubén Silva son as primeiras colaboracións desta revista coordinada polo historiador e escritor Diego Giráldez, quen agradeceu a aposta do Concello por un produto como este, pensado para permanecer no tempo. Porque, tal e como apuntou, FENDA nace coa vontade de quedar, de ser unha desas revistas que un garda e volve abrir anos despois. Nas súas páxinas conversan O Porriño que fomos e o que estamos a construir, porque a memoria non mira só cara atrás, tamén se escribe no presente, moitas veces sen decatarnos de que xa estamos a facer historia.
Neste primeiro número propónse unha viaxe por diferentes momentos e protagonistas: inclúese unha reportaxe das Festas do Cristo con curiosidades históricas como o Carro Triunfante e carteis antigos; a historia das salas de cine no municipio e de como se vivía o cinema mudo (desvelando quen tocaba o piano durante as proxeccións); e un cómic sobre a historia do Porriño que terá continuidade. No apartado patrimonial, abordase o peto de ánimas de San Antón de Budiño, o antes e o despois da rúa Pío XII e a relación entre Antonio Palacios e a actriz Lydia Borelli na sección “Rosa Porriño”. Hai espazo tamén para a tradición panadeira do Porriño e para o tecido industrial, neste número protagonizado por CEAMSA como empresa que deu xerme aos polígonos industriais da vila e hoxe referente internacional na industria alimentaria. O punto fixo complétase co poema de Samuel Merino e a entrevista á actriz Areta Bolado.
A presenza de autores de diferentes xeracións responde tamén á vontade de FENDA de conectar a memoria do Porriño coas persoas que hoxe crean, investigan e constrúen a vida cultural davila. A revista recupera historias e documentos do pasado, pero faino desde unha mirada contemporánea, con textos accesibles e un tratamento visual, deseñado por IdeArte Estudio, pensado para achegar o patrimonio e a memoria local a un público amplo. Porque, como sinala o editorial deste primeiro número, o patrimonio non consiste só en conservar o que herdamos, senón tamén en saber recoñecer aquilo que está a nacer diante dos nosos ollos.
A revista, que é gratuíta, estará dispoñible a partir deste mesmo xoves en todos os centros culturais e educativos do Porriño e promete seguir sumando colaboradores, tendendo unha ponte entre a memoria, o presente e as novas xeracións.

