Vilaboa pechou o Vilaveran con máis de 1.300 horas de actividade para a infancia

Redacción

O 94 % das familias expresa a súa intención de repetir o programa en 2027, consolidando este servizo como esencial para a conciliación 

O balance do Vilaverán 2026, o programa municipal de conciliación que cada verán ofrece unha alternativa educativa e de lecer para a infancia do municipio, confirma o éxito dunha edición marcada pola alta satisfacción das familias. O dato máis significativo é que o 94%  manifesta a súa intención de repetir en 2027, unha cifra que reforza o carácter consolidado dun servizo que combina convivencia, inclusión e apoio real á conciliación.

Nesta edición participaron 101 menores, que completaron 234 quendas e máis de 1.311 horas de actividade, entre horario normal e horario amplo. As dúas primeiras quendas acadaron ocupacións do 71 % e 77 %, respectivamente, mentres que as quendas terceira e cuarta se situaron no 45 % e 41 %, mantendo a tendencia habitual dos meses de agosto.

O Vilaverán mantivo a súa aposta pola diversidade familiar e pola inclusión: participaron 47 nenas e 54 nenos, 10 menores con discapacidade, 25 grupos de irmáns, 4 familias numerosas e 7 familias monoparentais. A distribución por idades concentrouse entre os 4 e os 7 anos, con picos de participación nos 5 anos (40 quendas) e nos 4 anos (37).

A procedencia das familias confirma o carácter municipal do programa: San Adrián (46 participantes) e Santa Cristina (21) foron as zonas con maior presenza, seguidas de Vilaboa, Figueirido e outras áreas da contorna.

O Concello mantivo o sistema de becas para garantir o acceso das familias con máis necesidades. En total, houbo  13 persoas becadas, que completaron 32 quendas e 187 horas cubertas mediante axudas municipais. O programa xerou ademais 8 empregos directos, correspondentes ao equipo de monitoras que acompañou á cativada durante todo o verán.

A análise da participación revela un alto grao de fidelización, xa que unha parte importante da cativada repetiu en varias quendas ao longo do verán. Un total de 20 menores asistiron ás catro quendas, mentres que 16 participaron en tres, 47 en dúas e 11 nunha única quenda, o que evidencia que moitas familias atoparon no Vilaverán unha solución estable e continuada para a conciliación durante os meses estivais.

As enquisas de satisfacción amosan unha valoración moi positiva das familias, con maioría de respostas entre “algo satisfeitas” e “moi satisfeitas” en todos os indicadores avaliados. Os comentarios cualitativos reforzan esta percepción: “El niño lo pasó bien y siempre traía anécdotas que contar… para el año quería volver” ou “Encantados con los monitores de este año, encantadores y muy profesionales”. As suxerencias prantexadas polas familias nestas enquisas tamén serán tidas en conta de cara a vindeiras edicións.

A concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, destacou que o Vilaverán é “un exemplo de como a conciliación pode ser unha política pública útil, accesible e transformadora”. “Este programa demostra que cando se aposta pola conciliación de verdade, con recursos, con profesionais e con sensibilidade social, as familias responden. Que o 94 % queira volver é a mellor avaliación posible. O Vilaverán é convivencia, é igualdade e é tamén unha forma de garantir que a infancia de Vilaboa teña un verán seguro, educativo e feliz”.

Gallego subliñou ademais que o Concello seguirá reforzando o programa:“Imos continuar mellorando a organización, ampliando recursos e escoitando ás familias. A conciliación non é un luxo: é un dereito, e en Vilaboa imos seguir defendéndoo”.

Comparte este artigo