- O alcalde do Porriño destacaba a honra de ter nese balcón a “unha porriñesa que traspasou fronteiras pero que sempre volve a casa”. Unha muller, dixo, que demostra que non hai fronteiras para a arte
Logo duns concertos multitudinarios nos que miles de persoas gozaron da música de Sés na Praza do Concello e de D. Valentino no Louro Valley, a emoción apoderouse deste sábado desde primeira hora co pregón de Janet Novás.
A artista lembrou no seu emotivo discurso a primeira vez que subiu ao balcón da casa do concello, alá por 1987, como integrante dunha comparsa do Entroido. “Recordar é volver pasar polo corazón e activar algo que está dormido: a nosa capacidade de sentir. A festa é un lugar onde aínda nos permitimos sentir xuntos”, afirmou a pregoeira, quen salientou que, tras 25 anos vivindo en Madrid, a súa volta ao Porriño é constante.
Un Madrid ao que chegaba nun autobús dos Penediños de Atios, a agrupación musical onde Janet comezou a súa andaina artística. “Foi o autobús dos Penediños o que me deixou en Madrid para empezar a miña carreira na danza, alá polo 2001, á volta dunha xira por Toledo. Recordo coma se fose hoxe aquela despedida en O’Donnell, ao lado do Pirulí”.
Foron eles en parte o fío conductor dun pregón onde a porriñesa rompeu a bailar, primeiro sobre o balcón e logo xa na praza xunto a esa agrupación que a viu crecer. Momento único na praza do Concello con toda unha PremioNacional de Danza, unha gañadora do Premio Goya, bailando, como nos seus inicios, ao son da gaita e da pandeireta.
Precisamente o alcalde do Porriño destacaba a honra de ter nese balcón a “unha porriñesa que traspasou fronteiras pero que sempre volve a casa”. Unha muller, dixo, que demostra que non hai fronteiras para a arte, “unha aliada tamén para o concello nesas novas infraestruturas culturais que están a piques de abrir, así que hoxe está aquí como pregoeira, pero pronto estará como actriz, como bailarina, como mostra dese ADN cultural que temos no Porriño e que precisaban eses novos espazos”, en referencia ao cine ou ao novo auditorio municipal.
Houbo momento tamén para a reivindicación, nunha época, dixo, na que normalizamos os mortos inocentes que cruzan o mar e morren nel, sinalando tamén como unha inxustiza o desafiuzamento de Mari Carmen. Tivo tamén palabras de lembranza para a ximnasia rítmica, para María e Esther —as súas mestras de Infantil— e para os lugares de recreo de toda unha xeración: a Salgueira, o Río Chico, a Cheminea, o Van Van ou as Naves.
Para rematar, Novás convidou á veciñanza “a abrir estas Festas do Cristo con ese corpo que sabe, que recorda, que palpita e que sente. Deixémonos levar sen medo; que o bailar sexa o noso acto de resistencia a todo aquilo que nos quere separados, distraídos ou insensibles”. Ela deixouse levar, cos Penediños, cunha muiñeira na Praza do Concello.

