Caldas de Reis inmortaliza ao seu fillo predilecto, o monarca Afonso VII, coa colocación dunha estatua coa cal “honramos o noso pasado”

Redacción

 Máis de 200 persoas asistiron ao acto da presentación en sociedade da figura esculpida por Javier Touceda, facendo realidade un proxecto promovido pola Asociación Cultural Terra Calda, para conmemorar os 900 anos da coroación do Emperador, fillo de Dona Urraca e que naceu na vila termal

 O Concello colaborou con esta iniciativa asumindo os custes da cimentación, do pedestal e da colocación da obra. O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a implicación da veciñanza na campaña de ‘crowdfunding’ para facer realidade o proxecto.

A escultura de Afonso VII, o monarca que naceu en Caldas de Reis a principios do século XII e cuxo reinado está considerado un dos máis importantes da historia de España, ‘saúda’ desde este domingo ás persoas que transitan habitualmente polo Paseo Román López. O xardín do Asilo, moi preto da entrada á emblemática Carballeira e ao Xardín Botánico, foi o lugar escollido parar colocar a figura, esculpida polo caldense Javier Touceda. Un proxecto que se fixo realidade grazas á campaña de ‘crowdfunding’ promovida pola Asociación Cultural Terra Calda, na que a veciñanza e o tecido empresarial caldense se implicou de forma activa realizando as achegas necesarias para custear a actuación. O Concello colaborou asumindo os traballos de cimentación, colocación e dotación do pedestal, cun investimento duns 4.000 euros aproximadamente.

O presidente de Terra Calda, Francisco Froján, e o alcalde caldense, Jacobo Pérez, foron os encargados de descubrir a estatuta. Foi o colofón a un acto solemne, que contou ca asistencia de máis de 200 persoas e na que tamén actuou a Banda de Música de Caldas de Reis. Asistiron, ademais, numerosas personalidades, como o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández; os deputados provinciais Isabel Couselo e Jorge Cubela; o autor da escultura, Javier Touceda; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretit Sanmartín; o alcalde de Dodro, Francisco Xabier Castro, e dirixentes da Asociación Terra Calda, entre outros.

A figura que inmortaliza a Afonso VII ten tres metros de altura e atópase, en palabras de Jacobo Pérez, nun emprazamento estratéxico, non só por ser un lugar de tránsito habitual para visitantes, peregrinos ou veciñanza, senón tamén pensando nas xeracións máis mozas. “Centos de escolares pasan por aquí todos os días para estudiar no CPI Afonso VII. Os nenos e nenas coñecen o nome do centro, pero quizais non saiban da súa trascendencia”. Por iso, continou o alcalde, é tan importante unha iniciativa como a promovida por Terra Calda. “Deste xeito, honramos o pasado de Caldas de Reis, con agarimo e paixón, que é como facemos as cousas nesta vila”. O rexedor explicou na súa intervención que “crimos nesta iniciativa desde o primeiro momento. É un orgullo ver como a veciñanza se implicou na campaña de Terra Calda”, eloxiou, ao tempo que deixou claro que, no caso de que non se tivesen reuido todos os fondos, o Concello faría unha achega a maiores da realizada para cimentar e colocar a figura. Pérez Gulín ten claro que “a historia de Caldas de Reis trascende máis alá de Galicia e chega a Europa, desde a época romana na que se descubriron as augas termais, e da que gozaron reis e raíñas, ata os nosos días”.

O acto estivo dirixido polo tesoureiro da Asociación Terra Calda, Celestino Barros, que puxo en valorr a colaboración da veciñanza e a implicación do Concello, agradecendo o nomeamento como Fillo Predilecto do rei hai uns meses por parte do Pleno da Corporación.

Ademais, adiantou que proximamente se organizará unha andaina vencellada tamén ao monarca caldense e haberá novas conferencias sobre a súa historira en 2027 promovidas pola agrupación cultural.
Pola súa banda, Francisco Forján e Miguel Fariña lembraron que Caldas de Reis “foi o berce do monarca”, fillo de Dona Urraca e consideran que este acto “fai xustiza” á trascendencia da súa figura. “Foi un proxecto colectivo no que participou moita xente”.
Precisamente, no pedestal instalouse un código QR para consultar toda a información ao respecto.

Por último, Goretti Sanmatín referiuse ao vínculo que une a Santiago de Compostela con Caldas de Reis, a través do Camiño Portugués e tamén grazas á figura de Afonso VII, quen antes de ser Emperador xa foi monarca do reino de Galicia. “Faise xustiza a un rei grazas ao cal Galicia tivo 40 anos de mandato brilante. Foi cando máis influenza tivemos, con voz propia”, apuntou. Un apunte no que coincidiu o delegado territorial da Xunta de Galicia, que definiu a Afonso VII como “un dos grandes monarcas da Europa Medieval”.

Comparte este artigo