O Porriño xa se prepara para acoller este domingo, 4 de outubro, a partir das 12:00 horas, a XXXIII edición da tradicional Festa dos Callos, organizada pola asociación de hostaleiros Ahospor en colaboración co Concello do Porriño. Nesta edición participarán un total de 33 locais da hostalaría porriñesa. Cada ración terá un prezo de 8 euros, que inclúe a ración de callos, o pan e a cazola.
Durante o acto de presentación oficial, que tivo lugar baixo a carpa instalada na praza do Cristo, os asistentes puideron gozar dunha degustación deste prato típico como aperitivo dunha cita que ningún amante da gastronomía se debería perder.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradeceu que “33 locais se impliquen nesta nova edición”, sinalando tamén o apoio de Coren e da Deputación de Pontevedra: “sei que o fai con este concello e sei que o fai con todos e cada un dos concellos da provincia”. Neste sentido, Luis López destacou a importancia da gastronomía, do turismo de interior e o peso do Porriño nestes ámbitos, convidando “a todo o mundo a que veña tomar os callos o domingo no Porriño”.
O evento contou coa presenza dunha ampla representación institucional, entre os que se atopaban o propio alcalde,Manuel Alejandro Lorenzo Alonso; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Blanca García Señoráns; a concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera Couselo; e o presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, xunto a numerosas persoas do tecido empresarial e cultural da localidade.
33 locais e múltiples receitas
Aínda que cunha base única —porque a receita está atesorada polo municipio como un dos segredos mellor gardados—,os 33 locais do municipio, segundo explicou o presidente dos hostaleiros, realizarana con variantes: “haberá callos veganos, callos con macarróns… cada un poderaos tomar dunha maneira distinta”.

