O Concello do Porriño distribuirá 1.000 pulseiras sentinela  para previr submisións químicas e garantir uns festexos seguros

Redacción
  • O dispositivo permite detectar en segundos se unha bebida foi adulterada con substancias como GHB, ketamina, burundanga ou MDMA.
  • As pulseiras repartiranse de xeito gratuíto no Punto Violeta instalado durante a fin de semana.

Co obxectivo de seguir garantindo que a veciñanza e os visitantes poidan gozar duns festexos tranquilos e seguros, o Concello do Porriño distribuirá esta fin de semana un total de 1.000 pulseiras sentinela durante a celebración do Recristo. Esta iniciativa busca previr posibles casos de submisión química e ofrecer unha ferramenta rápida de detección ante calquera sospeita porque, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  ” queremos unhas festas seguras e queremos que poidan ser desfrutadas con tranquilidade”. 

Trátase duns dispositivos de protección e alerta deseñados para comprobar se unha bebida foi adulterada con algunha substancia estupefaciente. Porque ainda que a primeira fin de semana de festas non tivo ningún incidente, explica o xefe da policía local, Daniel Rodríguez, a prevención e a mellor arma. 

Cada pulseira conta con dous sensores independentes deseñados para reaccionar ante diferentes tipos de drogas:o primeiro  sensor está deseñado especificamente para a detección de GHB (éxtase líquido); e o segundo sensor reacciona ante a presenza de substancias como ketamina, burundanga ou MDMA.

O seu uso é sinxelo e rápido: basta con mollar lixeiramente a punta do dedo na bebida e depositar unha gota sobre cada un dos sensores. Se o papel reactivo cambia de forma evidente cara a unha cor máis escura, é un indicador claro de que a bebida foi adulterada.

Atención e soporte no Punto Violeta

As persoas interesadas en conseguir estas pulseiras poderán atopalas na Policía Local e no  Punto Violeta habilitado no recinto festivo. Estará o venres en Antonio Palacios, o sábado na zona de San Sebastián, e o domingo en Antonio Palacios.

 Desde o goberno municipal apunta que ante calquera dúbida, sospeita ou situación de risco, pódese acudir directamente aos profesionais do Punto Violeta ou contactar de inmediato coa Policía Local ou co servizo de emerxencias 112.

Coa posta en marcha desta medida, o Concello reafirma o seu compromiso coa seguridade de todas as persoas que participen na festa, lanzando unha mensaxe clara e directa a toda a veciñanza: “Querémosvos seguras”.

Comparte este artigo