Vilaboa rende homenaxe á terceira idade cunha xornada de recoñecemento colectivo

Redacción

 A I Xuntanza “Memoria Viva” reunirá o 25 de outubro Á veciñanza maior nun encontro de afecto, convivencia e celebración

Vilaboa prepara unha celebración profundamente simbólica e cargada de afecto: a 1ª Xuntanza dos Nosos Maiores “Memoria Viva”, unha iniciativa que quere poñer no centro ás persoas que, co seu esforzo, sabedoría e dedicación, construíron a identidade colectiva do municipio. O Concello concibe esta xornada como un agradecemento público e sentido á xeración que mantén acesa a memoria comunitaria e que continúa a ser un piar fundamental na vida social de Vilaboa.

A cita terá lugar o 25 de outubro, entre as 13:00 e as 19:00 horas, no Parque de Riomaior, fronte á Casa de Cultura, un espazo escollido pola súa comodidade e pola súa capacidade para acoller unha celebración pensada para compartir, reencontrarse e gozar en compañía e será aí onde o Concello instale unha carpa acondicionada para acoller este evento.

A programación inclúe comida, homenaxe, música e baile, nun ambiente festivo que busca recuperar o espírito das reunións de antes, esas nas que a comunidade se recoñecía, se escoitaba e se celebraba. A xornada está dirixida ás persoas maiores de 65 anos e tamén ás persoas pensionistas menores de 65 anos empadroadas en Vilaboa, que poderán participar de maneira gratuita previa inscrición.

As inscricións estarán abertas do 6 ao 16 de outubro, cun máximo de 300 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude. O Concello anima á veciñanza a participar nun encontro que aspira a converterse nunha cita anual, un espazo de afecto e recoñecemento colectivo onde celebrar a vida compartida.

Con esta primeira edición de “Memoria Viva”, Vilaboa reafirma o seu compromiso coa terceira idade, recoñecendo o valor das súas historias, das súas vivencias e do seu papel esencial na construción dunha comunidade forte, orgullosa e unida.

Comparte este artigo