Ourense celebrará o “mellor Halloween de España” cunha ampla programación de actividades e actuacións musicais

Redacción

A festa inclúe desfile e túnel do terror, obradoiros, concerto infantil, a orquestra París de Noia e A Gramola, entre outras propostas

O alcalde asegura que o Halloween 2026, que coincide en sábado “vai ser histórico” e que desde o Concello “estamos preparando un espectáculo tremendo“

O Concello de Ourense organiza unha nova edición do Halloween, que o sábado, 31 de outubro, volverá converter a cidade no punto de referencia desta celebración, cada vez máis popular e participativa.

A coincidencia en sábado supón un aliciente máis para esta cita, cuxa programación aposta por consolidar as súas propostas de rúa: obradoiros, túnel e desfile do terror, flashmob ou o espectáculo de Chaioso. A parte musical achegará opcións para todos os públicos, desde o concerto infantil de Uxía Lambona ata a orquestra París de Noia e a sesión nocturna da Gramola.

«Desde hai anos temos o mellor Halloween de España e este ano cae en sábado, co cal vai ser histórico», asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. «Estamos preparando un espectáculo tremendo, onde vai haber un desfile que cada vez vai a máis, túnel pechado e pasarrúas do terror, e moitas actividades máis. Queremos animar á xente a que participe. Creo que en Ourense xa temos esta tradición: os comercios vístense de gala e cada vez hai máis merchandising. O Halloween está por todas partes», asevera o rexedor.

HALLOWEEN DE OURENSE 2026

SÁBADO 31 OUTUBRO

17.00 – 19.45 h. Obradoiro de Cabazas e Maquillaxe no Parque de San Lázaro

18.30 – 23.00 h. Túnel do terror na Praza do Bispo Cesáreo

19.00 – 19.45 h. Desfile do Medo. Parque de San Lázaro – Paseo – Praza Maior

19.00 – 23.30 h. “Santa Eufemia Encantada por Chaioso”, na Praza de Santa Eufemia

19.45 h. Animación de Rúa na zona dos Viños

20.00 – 21.00 h. Concerto infantil: Uxía Lambona e a Banda Molona, na Praza Maior

21.00 h. Flashmob Zombi na Praza de San Martiño

00.00 – 3.00 h. Orquestra París de Noia, na rúa do Progreso

00.00 – 3.00 h. A Gramola, na Praza Maior

Comparte este artigo