A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para contratar as obras
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou no día de onte, nunha sesión extraordinaria e urxente, o expediente para contratar as obras incluídas no proxecto para a renovación de parques e xardíns e transformación en espazos libres no Concello de Ourense.
O proxecto ten un orzamento de licitación de 3,5 millóns de euros, IVE incluído, que se divide en 6 lotes, cuxos importes oscilan entre os 912.103,24 € do de maior contía e os 342.238,30 € do menor. O contrato inclúe a mellora de 36 espazos públicos da cidade e perímetro rural e adxudicarase por procedemento aberto ordinario.
Na cidade de Ourense, explican desde a Concellería de Medio Ambiente, “existen na actualidade varios parques e áreas verdes que teñen unha antigüidade de máis de dez anos (nalgúns casos máis de vinte) polo que algúns dos seus elementos non se atopan nun estado óptimo debido ao desgaste e á obsolescencia, non ofrecen unha oferta lúdica suficiente e carecen de elementos inclusivos”.
Por este motivo, o Concello acometerá un proxecto de mellora destes espazos, dotado cun orzamento de 3.500.000 € para desenvolver unha trintena de actuacións que inclúen, segundo cada caso, a renovación de pavimentos, xardíns e zonas verdes, xogos infantís, bancos, mesas e mobiliario auxiliar, iluminación e sistemas de rego, así como a súa adaptación á normativa vixente.
O proxecto inclúe 36 parques e xardíns nos diferentes barrios da cidade e no perímetro rural, nestas zonas: A Milagrosa, O Peliquín, Marcelo Macías, O Polvorín, rúa Dalí, Multiaventuras, Recanto da Rosa, Praza 1.000, Praza Diego González, Barrocanes, Avenida da Universidade, Recanto da Amapola, Ferro Couselo, Santa Teresita, Avenida de Zamora, As Zapatillas, Matilde Lloria, Parque das Aventuras, Serra de Larouco, Portocarreiro, Paseo Roxo, A Inmaculada, Peña Trevinca, As Eiroás, Ponte Loña, Poeta Manuel Antonio, Parque de San Lázaro, Parque da Ponte, Parque Miño, Parque da Chapa, Oira (Aula da Natureza), Seixalbo, Santa Cruz, Cudeiro e Quintela.

