Francisco Diéguez: ‘’Defendemos a liberdade de cada organización para construír o seu propio proxecto. Respectamos as decisións alleas e pedimos o mesmo respecto pola nosa. Neste momento, a nosa decisión é continuar o noso propio camiño, con autonomía e pensando no mellor para Ourense’’.
O Consello de Coordinación de Avante Ourense, reunido tras a presentación pública da coalición formada por Ourense Mellor, Movemento Sumar Galicia, Verdes-Equo e Recortes Cero, acordou fixar a posición da organización ante os acontecementos dos últimos días.
Avante Ourense considera necesario deixar claro que non participou nas negociacións nin na configuración desta coalición e que, polo tanto, non forma parte do proxecto presentado publicamente esta semana.
Nese contexto, estaba prevista unha reunión para o propio día da presentación da candidatura. Por circunstancias alleas á vontade de Avante Ourense, esta reunión finalmente non chegou a celebrarse, polo que non houbo ningún encontro nin acordo posterior que modificase esta posición.
Avante Ourense respecta as decisións adoptadas polas diferentes organizacións políticas e respectará igualmente o proxecto que cada unha delas decida presentar á cidadanía. Do mesmo xeito, pedimos que se respecte a decisión de Avante Ourense de desenvolver o seu propio camiño político.
A organización considera especialmente relevante aclarar esta cuestión despois de que, durante a presentación pública da candidatura, os seus promotores sinalasen que non descartaban incorporar a título individual persoas vinculadas a Avante Ourense.
‘’Neste momento non se dan as condicións necesarias para establecer ningún tipo de contacto e, de cara ao futuro, consideramos que será pouco probable, xa que entendemos os procesos de unidade como un traballo común dende a súa orixe e non como unha adhesión a unha longa sopa de siglas’’ afirmou Ruymán Núñez, Secretario de Organización de Avante Ourense.
Avante Ourense non é unha bolsa de persoas dispoñibles para ser incorporadas individualmente a proxectos deseñados por outras organizacións. Avante é un espazo político que naceu en Ourense, que conta cunha estrutura propia e que está desenvolvendo colectivamente o seu proxecto para a cidade.
‘’Avante Ourense ten voz propia e un proxecto de cidade que queremos seguir construíndo con máis persoas. Nacemos para quedar e traballar por Ourense máis alá dunhas eleccións, non para integrarnos en proxectos alleos’’ sentenciou o coordinador.
Por iso, o Consello de Coordinación acorda que calquera decisión sobre o futuro político de Avante Ourense será tomada exclusivamente polos seus órganos e polas persoas que forman parte do proxecto, e non por decisións ou ofrecementos realizados desde fóra da organización.
Avante Ourense dá así por pechada esta cuestión e centrará os seus esforzos no desenvolvemento do seu propio proxecto político e social para Ourense, sen entrar en dinámicas de negociación ou confrontación con outras candidaturas.
A organización seguirá traballando na defensa dos servizos públicos, do dereito á vivenda, da igualdade, da transparencia e dunha política municipal centrada nos problemas reais da veciñanza.

