- O conselleiro de Educación e o alcalde comprobaron o resultado da intervención, que se suma a outras realizadas pola Xunta para a renovación de luminarias e falsos teitos
- O novo servizo contou cunha gran acollida por parte das familias, xa con 26 usuarios
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitaron hoxe o novo comedor do Colexio de Viñas, que habilitou o Concello este verán cun investimento de 15.000€. Unha actuación que o titular do departamento educativo da Xunta destacou como “unha clara mostra do compromiso deste Goberno municipal coa comunidade educativa do municipio e, neste caso concreto, en prol da conciliación”, dixo.
O conselleiro agradeceu ao alcalde a disposición a colaborar para a mellora dos servizos educativos de Poio. De feito, esta intervención realizada polo Concello compleméntase coa renovación de luminarias e falsos teitos do salón de actos, unha actuación que contou cun orzamento de 16.000€ no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta. “Traballando xuntos, sumamos e melloramos o día a día de alumnos, docentes e de toda a comunidade educativa en xeral”, salientou o conselleiro.
O comedor conta unha superficie de 65m² e foi moi ben acollido por parte das familias. Proba diso é que conta xa con 26 usuarios.

