As Festas do Outono do Pilar encherán a Praza do Calvario o 11 e 12 de outubro cunha programación para todos os públicos
A V Feira de Produtos abrirá as súas portas o luns 12
Dous días para celebrar as tradicións e gozar da música, do patrimonio e dos sabores que falan do Rosal. O concello prepárase para vivir este 11 e 12 de outubro as tradicionais Festas do Outono do Pilar, unha celebración que converterá a Praza do Calvario nun grande espazo de encontro cunha ampla programación.
A música será a encargada de abrir as festas o domingo 11 ás 21.00 horas, cando o público poderá gozar do concerto de La Orquestina de la Abuela Pina, mentres que ás 00.00 h será a quenda de Tiruleque, que levará a súa música á praza para prolongar a celebración.
O día grande chegará o luns 12 cunha intensa programación desde primeira hora. Ás 11.00 h abrirá a V Feira de Produtos do Rosal e, media hora máis tarde, terá lugar a entrada da Banda na Praza do Calvario. Ás 12.00 h celebrarase a misa coa intervención da Coral Ecos do Folón e da banda da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR).
A partir das 13.00 horas, Castro y los Escoltas poñerán música á sesión vermú, antes de que a programación retome pola tarde unha das tradicións máis ligadas ao patrimonio rosaleiro. Ás 17.00 h celebrarase unha demostración do traballo dos cabaqueiros, achegando ao público un oficio estreitamente vencellado á memoria e á historia do municipio.
Ás 18.00 h, a proposta familiar ‘Barafunda: O gran cabaqueiro de globos’ convidará a pequenos e maiores a participar nunha actividade colaborativa inspirada tamén nesta tradición. A xornada pecharase a partir das 19.30 h co VI Memorial Irmáns Flores, no que participarán Os Terribles de Donas, de Gondomar; Alxibeira, de Narón; e Faíscas da Pontagra, de Tordoia.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que “O Rosal é unha vila que sabe celebrar o seu pasado e facelo presente a través da cultura, da música e da participación de todo o noso tecido asociativo e da veciñanza. Estas festas son unha mostra de como a identidade rosaleira se constrúe co esforzo e o orgullo compartido”. A rexedora anima a toda a veciñanza a participar dunha programación “na que conviven propostas moi diferentes que volverán converter a Praza do Calvario nun lugar no que encontrarnos, compartir e desfrutar xuntos do que somos”.
V Feira de Produtos
A V Feira de Produtos do Rosal será un ano máis un dos pratos fortes das Festas do Outono do Rosal. Este luns a partir das 11.00 horas a cita chega á súa quinta edición como escaparate para amosar a calidade e diversidade da produción local e favorecer o encontro directo entre produtoras e produtores e a veciñanza. Ao longo da xornada haberá exposición, degustación e venda de produtos, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer, probar e mercar produto de proximidade e descubrir ás persoas que están detrás da súa elaboración.
O concelleiro de Comercio, Alejandro González, salienta que “queremos que a feira siga sendo un escaparate comercial, pero tamén unha experiencia. Que a xente veña, coñeza os produtos, fale directamente con quen os elabora, os probe e quede a desfrutar do ambiente. Esa combinación de promoción económica, gastronomía e lecer é precisamente unha das claves do éxito da cita”.

