O Concello de Ponteareas incauta os 89.955 euros da garantía á anterior empresa do Servizo de Axuda no Fogar
• O Pleno aproba por unanimidade executar a totalidade do aval de ÓBOLO tras acreditarse incumprimentos contractuais moi graves e graves durante a prestación do servizo.
• O informe técnico cuantifica en 90.000 euros os prexuízos polas deficiencias detectadas en obrigas laborais e na atención ás persoas usuarias.
Ponteareas, 7 de outubro de 2026.- O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou a incautación da totalidade da garantía definitiva, por un importe de 89.955 euros, constituída por ÓBOLO S. Coop. And. de Interese Social, anterior empresa prestadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Con este acordo plenario, o Goberno local culmina o procedemento iniciado para determinar as responsabilidades contractuais pendentes e desestima formalmente a solicitude de devolución do aval formulada pola compañía.
A decisión adoptouse tras a tramitación do correspondente expediente, que contou coa audiencia previa á empresa e á entidade avalista (Bankinter), ademais dos informes emitidos pola responsable municipal do contrato. O informe técnico determinou a existencia de tres incumprimentos moi graves e dez graves, cuxa valoración económica global ascende a 90.000 euros, o que obriga a facer efectiva a garantía ata o seu límite máximo fixado nos devanditos 89.955 euros. Esta contía non inclúe outros 22.506 euros correspondentes a penalizacións anteriores que a empresa xa ten satisfeitas, evitando de este modo cualquer duplicidade económica.
A alcadesa, Nava Castro, puxo de manifestó que “estamos a falar dun servizo esencial para as persoas máis vulnerables do noso municipio. A rexedora engadiu que “actuamos coa firmeza necesaria para defender os recursos públicos e esixir ás empresas o cumprimento estrito das obrigas que asumen cando contratan coa Administración”.
Principais incidencias
Entre as principais incidencias recollidas no expediente atópanse incumprimentos relacionados coas obrigas laborais, a falta de atención aos requirimentos municipais e deficiencias na dispoñibilidade de medios humanos e materiais. Así mesmo, detectáronse graves fallos na documentación e seguimento das persoas usuarias; a empresa non entregou determinados informes bimestrais, o que obrigou aos Servizos Sociais municipais e á nova adxudicataria a reconstruír parte da información asistencial para garantir a transición do servizo.
Desde o Goberno municipal subliñaron que o contrato con ÓBOLO finalizou o pasado 1 de febreiro de 2026 por resolución de mutuo acordo, unha fórmula que non implicaba unha declaración de correcta execución nin a renuncia a esixir responsabilidades. Tras o acordo, a Tesourería local xa dispón das instrucións necesarias para executar o aval de maneira inmediata.

