Os concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, San Cibrao das Viñas, Toén e Padrenda formalizaron a súa adhesión e dispoñen dun ano para poñer á disposición as parcelas necesarias
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá en San Cibrao das Viñas na presentación do novo proxecto de residencias de maiores da Xunta de Galicia, xunto ao presidente autonómico, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García e a vicepresidenta primeira da Deputación e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa. Durante o acto, o Goberno galego comunicou que a totalidade dos concellos seleccionados, entre eles os cinco ourensáns, formalizou a súa adhesión.
Trala finalización do acto, Luis Menor referiuse ás necesidades de atención das persoas maiores e das súas familias: “Para unha persoa maior é importante poder recibir os coidados que necesita preto da súa familia e da súa contorna. A planificación destes servizos debe ter en conta esa proximidade e as características dos nosos concellos”.
O presidente provincial sinalou tamén que “a atención aos maiores require coordinación entre administracións e información clara ás familias sobre os recursos dispoñibles e os trámites necesarios para acceder a eles”.
Cinco centros previstos na provincia
A distribución prevista en Ourense comprende dous centros principais, en Ribadavia e San Cibrao das Viñas, e outros tres de menor capacidade, en Castrelo de Miño, Toén e Padrenda.
O proxecto organízase en lotes que combinan unha residencia de máis de 100 prazas cun centro próximo de 30. Ribadavia estará vinculada a Castrelo de Miño e San Cibrao das Viñas a Toén. A residencia prevista en Padrenda formará parte do lote compartido co concello pontevedrés de Arbo.
Unha vez formalizada a adhesión, os concellos dispoñen dun ano para facer efectiva a posta á disposición dunha parcela que reúna os requisitos necesarios. Pola súa parte, a Xunta tramitará o desenvolvemento dos centros mediante colaboración co sector sociosanitario.

