A Xunta promociona en Uruguai o Xacobeo 2027 coa exposición “Mes do Camiño”

Redacción
  • A proposta inclúe unha exposición fotográfica sobre os diferentes itinerarios xacobeos, un ciclo de cine e xornadas con expertos sobre o Camiño de Santiago
  • O comisario do Xacobeo aproveitou para avanzar nos preparativos da celebración do vindeiro Ano Santo

O Auditorio Vaz Ferreira, en Montevideo, celebra desde este xoves ata o 31 de outubro o ‘Mes do Camiño’. O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inauguraron esta tarde esta iniciativa de promoción internacional que durante este mes achegará ao público uruguaio diferentes manifestacións da cultura xacobea e permitirá afondar no coñecemento dos Camiños de Santiago.

Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román puxo en valor a dimensión universal do Camiño de Santiago, como espazo de encontro entre persoas e culturas e como fenómeno que transcende as fronteiras de Galicia.

Neste sentido, salientou a oportunidade que representa o ‘Mes do Camiño’ para seguir fortalecendo os vínculos entre Galicia e Uruguai e para dar a coñecer a riqueza cultural, patrimonial e humana dos itinerarios xacobeos na antesala do Xacobeo 2027. A iniciativa enmárcase nas accións de promoción internacional impulsadas pola Xunta de Galicia para difundir o próximo Ano Santo, ademais do destino Galicia.

O comisario aproveitou tamén a súa presenza en Montevideo para presentar o Xacobeo 2027 e avanzar as principais liñas de traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para a organización do próximo Ano Santo. A presentación permitiu explicar a dimensión internacional dunha celebración que aspira a reforzar os valores de encontro, convivencia, acollida e intercambio cultural propios do Camiño, así como dar a coñecer a programación e as diferentes iniciativas que se están a artellar para que o Xacobeo 2027 sexa vivido e compartido tanto pola sociedade galega como polos millóns de persoas que se achegan a Galicia desde todo o mundo.

Mes do Camiño

O programa inclúe como actividade central a exposición fotográfica ‘Iacobus Gaudet. Os camiños de Santiago en Galicia’, composta por 46 fotografías que permiten percorrer visualmente os diferentes itinerarios xacobeos e descubrir a diversidade paisaxística, patrimonial e cultural dos Camiños.

A mostra está acompañada do ciclo de cine xacobeo do 10 ao 31 de outubro, con cinco películas relacionadas co fenómeno das peregrinacións, e dun programa de charlas e encontros con expertos do Camiño de Santiago, que permitirán afondar na súa historia, evolución e significado na sociedade actual.

O ‘Mes do Camiño’ constitúe así unha proposta de divulgación e promoción que busca achegar o fenómeno xacobeo á sociedade uruguaia e, ao mesmo tempo, reforzar os lazos culturais e humanos entre Galicia e Uruguai. A iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral da Emigración, Turespaña, o Instituto Vaz Ferreira e a Asociación Uruguaya de Amigos del Camino de Santiago, e forma parte das actuacións de promoción do Xacobeo 2027 nos mercados internacionais.

Comparte este artigo