A Xunta destaca o Belén Artesanal en Movemento de Valga como un dos grandes atractivos turísticos do Nadal de Galicia

Redacción

Xosé Merelles, xunto a Pablo Fernández, participou na inauguración da 32ª edición deste nacemento, o máis grande de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou hoxe na inauguración do Belén Artesanal en Movemento de Valga, que alcanza este ano a súa 32ª edición.

Declarado de Interese Turístico de Galicia en 2013, este nacemento recibiu nas últimas edicións unha media de 40.000 visitantes por tempada, consolidándose como unha das principais citas do Nadal en Galicia.
Organizado pola Asociación Cultural de Amigos do Belén de Valga, a representación destaca por mesturar escenas tradicionais do Nadal con representacións da vida rural galega e acontecementos da actualidade. Con máis de 3.000 pezas, é o belén artesanal en movemento máis grande de Galicia e un dos máis destacados de España.

Este belén constitúe un dos exemplos máis recoñecidos do patrimonio cultural e etnográfico vinculado ás celebracións do Nadal en Galicia, xunto con outras representacións emblemáticas como o Belén Electrónico de Begonte, en Lugo, creado en 1972 e tamén declarado de Interese Turístico de Galicia; o Belén de Arturo Baltar, en Ourense, ou o Belén Xigante de Viveiro.

Este tipo de celebracións tradicionais contribúen á diversificación da oferta turística, á desestacionalización da actividade e á dinamización económica e social dos municipios.

O acceso ao Belén Artesanal en Movemento de Valga é gratuíto e poderá visitarse ata o 10 de xaneiro. Estará aberto ao público de luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Comparte este artigo