O BNG logra que se reforce a liña de autobuses de Marín-Pontevedra

Redacción

Monbus atende á demanda da formación nacionalista de reforzar os autobuses nas horas punta tras a súa denuncia sobre a saturación do servizo. Lucia Santos reclama que a mellora teña continuidade para garantir un transporte seguro e de calidade
O BNG celebra o reforzo da liña Pontevedra–Marín por parte de Monbus, despois da denuncia pública realizada pola formación o pasado martes 29 de setembro sobre as condicións nas que viaxan diariamente as persoas usuarias.
Na denuncia, a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, alertaba de autobuses ateigados, persoas viaxando de pé en liñas nas que non está permitido e pasaxeiros amoreados nas horas de maior demanda para acudir ao traballo, aos centros de ensino ou ás citas médicas.
Santos advertía de que non se trata dunha situación puntual, senón dun problema recorrente que se produce polas mañás, ao mediodía e á saída das aulas. Unhas condicións que comprometen a seguridade das persoas usuarias e evidencian a necesidade de adaptar o servizo á demanda real.
O BNG considera que o reforzo de Monbus responde ás reivindicacións mantidas pola organización e ás queixas da veciñanza. A formación valora a medida como un avance e reclama que os reforzos teñan continuidade para evitar que se repitan as situacións denunciadas.
Esta demanda forma parte do programa de mobilidade que o BNG leva tempo defendendo para a vila, que inclúe a creación dunha conexión directa entre a marquesiña de Marín e a Praza de Galicia, en Pontevedra, e a mellora das frecuencias nos horarios de maior uso.
O BNG continuará atento ao funcionamento da liña e trasladando as demandas das persoas usuarias. A formación insiste en que o transporte público ten que ser unha solución para a veciñanza, cun servizo digno, seguro, accesíbel e de calidade.

Comparte este artigo