A iniciativa do BNG apróbase coa abstención do PP Ernesto Filgueira agarda que, esta vez si, o alcalde cumpra co acordo plenario, elimine a un falanxista e represor do rueiro, e homenaxe a quen foi o último alcalde republicano de Cerdedo
O pleno ordinario da corporación aprobou hoxe, coa abstención do PP, a moción do BNG para renomear como Antonio Sueiro Cadavide, último alcalde republicano de Cerdedo, a actual rúa Manuel Gutiérrez Torres (alcalde franquista e xefe da Falanxe de Cerdedo entre os anos 1950 e 1954 e entre 1958 e 1965) “Hoxe, con esta decisión, a corporación de Cerdedo Cotobade ven de facer un acto de reparación e de xustiza. Eu só agardo que esta vez o alcalde cumpra o acordo plenario, aínda que teño que lamentar a falta de valentía política de Cubela e do seu grupo, incapaz de darlle o si a unha moción que só busca devolverlle a dignidade ao noso rueiro, e facer un acto de xustiza e reparación”.
O portavoz nacionalista, lembra que o golpe militar do 18 de xullo contra o réxime democrático vixente no estado español tivo como consecuencia na Galiza unha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da ditadura franquista. Unha represión que tivo múltiples manifestacións: depuracións laborais, sancións económicas, espolio de bens, persecución ideolóxica, acoso e exclusion social… e Cerdedo Cotobade ben sabe de todo o descrito, especialmente nas terras de Cerdedo.
A imposicion violenta da ideoloxía, da moral, da educacion e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolónganse no tempo máis alá de 1975. Para o BNG é unha obriga das institucións ter un posicionamento claro de condena do golpe de estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galeg@s, entre eles veciños de Cerdedo Cotobade ao longo deste terríbel período histórico. “Levamos anos tentando que o PP local ao frente do goberno municipal cumpra co aprobado a proposta do BNG no pleno en 2021 no que se lle esixía a eliminación de toda a simboloxía de exaltación da ditadura franquista no concello, máis o PP de Jorge Cubela segue a incumprir intencionamente este acordo”, lembrou Ernesto Filgueira.
Para nós é fundamental que hoxe poñamos en valor a memoria do último alcalde Republicano de Cerdedo, Antonio Sueiro Cadavide, un labrego, canteiro, carpinteiro e gaiteiro que tivo que emigrar aos Estados Unidos durante a década de 1920. Militante do agrarismo desde antes da II República, presidíu e Sociedade de Agricultores e Obreiros de Lourido e fundou a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres, dedicada á educación e á cultura. Formou parte de Izquierda Republicana. E que o fagamos, ademais, quitándolle as honras ao alcalde falanxista e destacado represor, Manuel Gutiérrez Torres, “Desde o BNG agardamos que esta vez si, Cubela cumpra coa súa obriga, acate a decisión do pleno, elimine os múltiples vestixios da ditadura que están presentes aínda no noso concello, e renda a merecida homenaxe aquelas persoas demócratas que, como Antonio Sueiro Cadavide, sufriron nas súas carnes a represión do réxime da franquista. Trátase dun acto de xustiza e reparación”, concluíu Ernesto Filgueira
O BNG insta ao goberno municipal a acometer diversas melloras en Laxoso (Quireza)
No mesmo Pleno, o portavoz do BNG instou ao alcalde a mellorar a seguridade viaria no lugar de Laxoso (parroquia de Quireza), coa colocación dun espello de tráfico e un punto de luz na entrada/ saída do lugar, mellorar a iluminación, coa creación dun punto de luz onde os colectores de residuos e extender a fibra óptica a todo o lugar, un servizo básico na actualidade, que o alcalde asegurou que estaría completada en 2023 e, a día de hoxe, tres anos despois, aínda non se fixo nada

