O concello de Bueu presentou hoxe os grupos de ximnasia de Bueu

Redacción
  • As clases comezarán o martes 13 de outubro tanto no centro de Bueu como nas parroquias
  • O Concello conta con preto de cincocentas persoas que participan no programa de ximnasias este curso

O Centro Social do Mar acolleu este venres pola mañá o acto de presentación oficial das ximnasias deportivas municipais que arrancan para a semana. Félix Juncal, alcalde da vila, participou na xornada á que asistiron veciños e veciñas que van comezar as actividades tanto no Centro Social do Mar como no Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu. En total, serán 325 persoas en trece grupos tanto en horario de mañá como de tarde, aos que se unirán os das parroquias de Cela e Beluso e o lugar de Meiro, ademais das clases específicas para as persoas afectadas polo Parkinson. Todos eles suman preto de cincocentas prazas con clases que se imparten de balde.

O alcalde destacou o “compromiso do Concello de Bueu coas ximnasias que axudan a tantas persoas da vila a incrementar a actividade física e a mellorar a saúde”. Así mesmo, explicou o cambio de localización das mesmas, que este ano volven de novo ao Pavillón de Bueu e ao Centro Social do Mar, despois de varios anos na piscina municipal.

O acto serviu para recoller demandas e suxestións das persoas usuarias e tamén se aclararon dúbidas. O rexedor aproveitou a ocasión para avanzar que o Concello está a traballar en accións en paralelo que teñen que ver co lecer e co fomento de hábitos saudables, e que se irán anunciando nos próximos meses.

Ximnasias nas parroquias

No caso de Beluso, as actividades estrearán o recentemente rehabilitado Pavillón de Beluso, cunha mellora das instalacións que vén a substituír ao baixo da parroquia que se empregou durante o tempo que duraron as obras da instalación polideportiva. En Cela seguirán sendo no Centro Sociocultural do Torrecino, e en Meiro, na casa da Aldea, o que implica ter un menor número de persoas por grupo que no caso das de Bueu e Beluso conta cos pavillóns como centro de referencia.

Comparte este artigo