A nova Aula de Estudo de Soutomaior xa está en funcionamento e abre os 365 días do ano

Redacción

O espazo municipal, situado na Antiga Escola de Romariz, conta con 18 postos de estudo, conexión wifi e un amplo horario de apertura, de 7:00 a 1:00 horas.

O Concello de Soutomaior xa ten en funcionamento a nova Aula de Estudo municipal, un recurso destinado a facilitar á veciñanza un espazo axeitado para o estudo, a formación e a preparación académica. A instalación está situada na Antiga Escola de Romariz, na rúa Romariz, e permanece aberta os sete días da semana, os 365 días do ano, en horario de 7:00 a 1:00 horas.

A aula dispón de 18 postos de estudo, conexión wifi, baños, zona de descanso e acceso independente ao resto da instalación, co obxectivo de ofrecer un espazo cómodo e adaptado ás necesidades das persoas usuarias.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que a posta en marcha deste servizo permite dar resposta a unha demanda da mocidade e das persoas que precisan un lugar axeitado para estudar. «Queremos que a veciñanza dispoña dun espazo tranquilo e adaptado para preparar exames, realizar traballos académicos ou preparar oposicións, con independencia dos seus horarios e necesidades», sinala.

O rexedor subliña tamén a importancia de seguir ampliando os recursos municipais vinculados á educación e á formación: «Investir en educación e ofrecer servizos públicos que favorezan a igualdade de oportunidades é investir no futuro de Soutomaior».

O servizo está dirixido ás persoas empadroadas en Soutomaior maiores de 16 anos que estean a realizar estudos regrados ou non regrados. No caso das persoas menores de idade, será necesaria a autorización da súa persoa titora legal.

O acceso á aula realízase mediante un código persoal e intransferible, que o Concello facilita unha vez presentada e aprobada a solicitude. Para garantir a seguridade e o correcto funcionamento das instalacións, o espazo conta cun sistema de videovixilancia conectado coa Policía Local e coa empresa de seguridade, ademais de revisións periódicas por parte de persoal municipal autorizado.

Como solicitar o acceso

As persoas interesadas deben presentar a solicitude a través da sede electrónica municipal, mediante instancia xeral, achegando o formulario correspondente e unha copia do DNI da persoa usuaria e, se procede, da súa representante.

As solicitudes poden tramitarse na sede electrónica do Concello de Soutomaior: https://soutomaior.sedelectronica.es/info.0.

Pasos que debes seguir para solicitar o teu acceso á Aula de Estudo de Soutomaior:

1. Comprobar que cumpres os seguintes requisitos obrigatorios:

        ◦ Estar empadroado/a en Soutomaior.

        ◦ Ter 16 anos ou máis (se tes entre 16 e 18 anos, precisarás unha autorización do teu titor/a legal).

        ◦ Estar realizando calquera tipo de estudos (regrados ou non regrados).

2. Debes cubrir e reunir os seguintes documentos:

        ◦ Anexo I: Formulario de solicitude cuberto cos teus datos.

        ◦ Anexo II: Declaración complementaria asinada onde aceptas as normas de uso.

        ◦ Copia do teu DNI/NIE (Se es menor de idade: Datos e DNI do teu representante legal (nai, pai ou titor/a)).

3. Presentar a solicitude:

O prazo está aberto durante todo o ano e podes entregala por dúas vías:

        ◦ 💻 Por internet (Recomendado): Na Sede Electrónica do Concello (soutomaior.sedelectronica.es).

        ◦ 🏢 Presencialmente: No Rexistro Xeral da Casa do Concello.

4. Recibir o teu código de acceso:

Unha vez que o Concello comprobe que toda a documentación está correcta, enviarache por escrito un código de acceso persoal, privado e intransferible coas instruccións de acceso. Con este código numérico poderás abrir a porta a través do teclado dixital da entrada.

A Aula de Estudo está situada na Antiga Escola de Romariz, na rúa Romariz, en Soutomaior.

Localización: https://share.google/muouf2Cn6BTvpjsk4.

Comparte este artigo