Francisco Diéguez: ‘’ Non pode haber unha educación de calidade se quen ten a responsabilidade de ensinar non conta coa protección necesaria para exercer o seu traballo. O profesorado non pode quedar só cando sofre ameazas, acoso ou agresións. Necesitamos protocolos eficaces, asistencia real e unha resposta institucional clara’’.
A formación impulsa unha nova iniciativa do documento ‘’Ensinar importa’’ para reforzar a seguridade dos docentes, garantir asistencia xurídica e psicolóxica e promover protocolos comúns en todo o Estado.
Avante Ourense, no marco da súa iniciativa educativa ‘’Ensinar importa’’, rexistra unha solicitude ante o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para impulsar medidas estatais que reforcen a protección do profesorado fronte ás ameazas, as agresións, o acoso e o hostigamento dixital.
A formación considera necesario avanzar cara a un sistema de protección que non dependa exclusivamente das medidas adoptadas en cada comunidade autónoma e que permita establecer criterios comúns de prevención, atención ás vítimas e seguimento dos incidentes.
Entre as propostas trasladadas ao Ministerio figuran a elaboración dun marco estatal de referencia, a coordinación entre administracións educativas, o acceso a orientación xurídica e asistencia psicolóxica para os docentes afectados e a publicación periódica de datos estatísticos que permitan coñecer a dimensión deste problema.
Reclamamos tamén reforzar a prevención dos riscos psicosociais asociados á violencia e ao acoso contra os docentes, así como impulsar campañas de sensibilización sobre o respecto ao profesorado e a convivencia nos centros.
A formación defende que protexer o profesorado non significa negar os dereitos do alumnado nin das familias, senón garantir que os conflitos se resolvan mediante procedementos adecuados e que ningún docente teña que soportar situacións de intimidación polo feito de exercer a súa profesión.
Esta iniciativa ten tamén unha vertente autonómica, mediante unha solicitude á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para impulsar un Plan Galego de Protección do Profesorado, con medidas específicas adaptadas á realidade dos centros educativos galegos.
Con esta nova proposta, Avante Ourense continúa desenvolvendo ‘’Ensinar importa’’, unha iniciativa coa que pretende trasladar ás administracións medidas concretas para mellorar a educación, reforzar a convivencia escolar e dignificar o traballo docente.

