Francisco Diéguez: ‘’Estamos falando dunha fonte histórica que merece respecto e protección. Mentres se estuda a súa declaración como BIC, o Concello debería actuar con prudencia, non repetir os mesmos erros e garantir que ningunha instalación cause danos irreparables’’.
Francisco Diéguez reclama unha localización alternativa para a decoración navideña e lembra que a fonte está pendente da súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Avante Ourense ven de rexistar unha solicitude ante o Concello de Ourense para reclamar a paralización preventiva da montaxe da árbore de Nadal na praza Bispo Cesáreo e esixir garantías de protección para a Fonte de Oseira, un elemento histórico que non debe quedar exposto a posibles danos por mor dunha instalación festiva.
A formación lembra que xa existen antecedentes de danos nos bancos de pedra e no pavimento da praza durante os traballos relacionados coa árbore de Nadal en 2023. Unha situación que, ao seu xuízo, obriga ás administracións a actuar con maior responsabilidade e a evitar que se repitan episodios que poidan comprometer a conservación do patrimonio ourensán.
O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, sinala que ‘’non estamos en contra do Nadal nin de que Ourense teña unha decoración atractiva. O que non podemos aceptar é que se poña en risco o noso patrimonio cando existen alternativas para instalar a árbore noutro lugar’’.
Diéguez lembra tamén que a Fonte de Oseira é obxecto dunha iniciativa para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que considera imprescindible comprobar o estado da tramitación patrimonial e extremar as precaucións.
Avante Ourense solicita que se paralicen preventivamente os traballos ata que se comproben as autorizacións e garantías técnicas existentes, que se busque unha localización alternativa para a árbore e que se informe publicamente das medidas previstas para protexer a fonte, os bancos históricos e o pavimento.
‘’Levamos anos dicíndoo, a cidade pode celebrar o Nadal sen sacrificar o seu patrimonio. O que pedimos é sentido común, prevención e respecto pola historia de Ourense’’, conclúe Diéguez.

