O BNG da Estrada denuncia que a gasolineira da Baiuca incumpre o PXOM

Redacción

Marcos Borrageros, candidato do BNG á alcaldía, denuncia que a instalación é incompatible coa ordenanza urbanística da zona e que se pretende situar a escasos 32 metros dunha Escola Infantil.

A formación nacionalista esixe ao Concello e á Xunta que desestimen a licenza e a declaración de incidencia ambiental aplicando o principio de precaución.

O BNG da Estrada manifestou o seu total rexeitamento ao proxecto para a construción e ampliación dunha estación de servizo na Avda. Benito Vigo / Avda. da Torre (A Baiuca), promovido pola empresa URBAN STRADA S.L.. A formación nacionalista advirte de que a instalación vulnera frontalmente a normativa urbanística municipal e supón un grave risco para a seguridade e a saúde da poboación residencial e escolar adxacente.

O candidato do BNG á alcaldía, Marcos Borrageros, sinalou que a memoria do propio proxecto recoñece que o solo está clasificado baixo a Ordenanza nº 2 (Edificación en bloque aberto), na cal as estacións de servizo non son un uso permitido. “Pretender ampararse en leis de liberalización comercial por haber un comercio ou unha cafetaría preto non converte A Baiuca nun polígono industrial nin nun centro comercial. Non se pode impoñer un uso incompatible co PXOM á conta da calidade de vida dos veciños e veciñas”, afirmou Borrageros.

Un risco directo para os máis pequenos

A maior preocupación do BNG radica no impacto que a gasolineira terá sobre a poboación infantil e residencial, ao proxectarse a tan só 32,06 metros dunha Escola Infantil e a 20 metros das vivendas.

Borrageros fixo referencia ás evidencias científicas e epidemiolóxicas recentes, como o estudo publicado no European Journal of Epidemiology (Malavolti et al., 2023), que demostra que residir ou acudir a centros educativos a menos de 50 metros dunha gasolineira multiplica o risco de padecer leucemia infantil (RR = 2.2), elevándose ata un RR = 2.9 no caso da Leucemia Linfoblástica Aguda (LLA) e alcanzando un RR = 4.4 en nenos e nenas maiores de 5 anos.

“Someter ás nenas e nenos da escola infantil a unha exposición continua a emisións de benceno e compostos orgánicos volátiles a 32 metros de distancia é unha irresponsabilidade absoluta que ignora o principio de precaución máis elemental”, destacou o candidato nacionalista.

Por todo isto, o BNG da Estrada insta ao Concello e á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia a que desestimen a Declaración de Incidencia Ambiental e a Licenza Municipal de Obras, garantindo a protección da contorna residencial e a saúde da comunidade escolar.

Comparte este artigo