A escritora e ilustradora conmemora o aniversario con varios contacontos musicalizados, nunha semana na que sumou dous novos recoñecementos literarios.
O proxecto EMOCIONARIA Arte e Literatura, celebra este venres 16 de outubro, ás 19 horas, o seu quinto aniversario no auditorio de Nigrán. Desde a súa creación, a iniciativa promove a difusión e o prestixio do galego a través de libros divulgativos.
Para celebrar estes cinco anos de percorrido, Soledad García ofrecerá varios contacontos musicalizados dos libros “Zoo libre”, “Son Xena”, “Dunes” e “Heroes”, unha proposta que combina literatura, narración oral e música para fomentar o interese pola lectura en galego á vez que fomenta o benestar animal e a protección da natureza.
A autora dos paseos por Nigrán, Baiona, Gondomar e Vigo, conta cunha traxectoria de máis de 50 obras —29 libros individuais e 22 colectivos— e 30 galardóns literarios. Nesta última semana, recibiu o Premio do Público no II Certame de Relato Cachi Villalba coa obra “Timmy” e foi seleccionada no XIII Certame de Relatos Vigo Histórico con “Nerón no reverso das vías” nunha homenaxe ao tranvía.
O aniversario de EMOCIONARIA supón unha oportunidade para coñecer de preto o traballo de Soledad García e celebrar cinco anos de compromiso coa creación literaria e o fomento e prestixio da lingua galega.

