O Concello de Covelo pon en marcha dúas novas convocatorias de axudas municipais destinadas a apoiar as familias do municipio: as axudas á natalidade de 2026 e as axudas para a adquisición de libros e material escolar para o curso 2026/2027.
A convocatoria de axudas á natalidade contempla unha achega máxima de 500 euros por cada nena ou neno nado ou adoptado desde o 30 de novembro de 2025 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Para acceder a estas axudas, as familias deberán cumprir os requisitos establecidos nas bases, entre eles que unha das persoas proxenitoras estea empadroada en Covelo cunha antelación mínima de nove meses ao nacemento ou adopción, cumprir os límites de renda previstos e manter o empadroamento e a residencia efectiva no municipio durante un período mínimo de dous anos.
Pola súa banda, as axudas para libros e material escolar están dirixidas ao alumnado de 3 a 5 anos matriculado en centros docentes públicos de Covelo durante o curso escolar 2026/2027. A contía máxima será de 100 euros por alumna ou alumno, que poderá chegar aos 125 euros no caso de alumnado cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou pertencente a familias numerosas. Para optar a estas axudas, a renda per cápita familiar non poderá superar os 14.400 euros e deberán cumprirse os demais requisitos recollidos nas bases reguladoras.
En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación do extracto correspondente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
As persoas interesadas poden consultar as bases reguladoras e os modelos de solicitude na páxina web do Concello de Covelo www.concellodecovelo.es . Tamén poden recibir información nas oficinas de Servizos Sociais do Concello ou chamando ao teléfono 986 650 027, extensión 3.
Con estas dúas convocatorias, o Concello de Covelo busca contribuír a aliviar parte dos gastos que afrontan as familias, tanto nos primeiros momentos da crianza como no acceso á educación, facilitando apoio económico ás persoas que cumpran as condicións establecidas en cada programa.

