- Baixo o lema “Tomámonolo a peito”, a campaña deste ano reivindica unha atención máis humana e integral para as pacientes.
Con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) mobilízase para achegar a información e os seus servizos á cidadanía. Este martes 20 de outubro, a entidade instalou unha mesa informativa na praza Arquitecto Antonio Palacios co obxectivo de sensibilizar a poboación e dar a coñecer os recursos de apoio dispoñibles para as persoas afectadas e as súas familias.
A acción inclúese dentro da evolución da campaña “Tomámonolo a peito”, iniciada en 2025 para dar voz ás pacientes e amosar a diversidade de experiencias tras un diagnóstico. Nesta edición de 2026, a iniciativa pon o foco nas necesidades prioritarias identificadas polas propias mulleres: sentirse coidadas máis alá do tratamento médico, comprender o proceso con información clara e rigurosa, e contar con espazos de acollida e profesionais con tempo para escoitar.
Desde a Asociación reclámase unha atención máis humana e integral que responda non só ao impacto biolóxico da enfermidade, senón tamén ás súas consecuencias emocionais, familiares, sociais e laborais. Cómpre lembrar que detrás de cada caso hai unha persoa cunha experiencia única.
O cancro de mama é o segundo tipo de cancro con maior incidencia en España. Estímase que ao longo deste ano 2026 se diagnosticarán 38.318 novos casos no estado e que máis de 516.000 mulleres convivirán con este diagnóstico. Aínda que a supervivencia neta a cinco anos alcanza o 87,8 % grazas aos avances na investigación, prevención e diagnóstico precoz, a AECC insiste na importancia de cubrir as necesidades de acompañamento e apoio continuo que forman parte do día a día das pacientes.

