Caixa Rural Galega súmase ao patrocinio do Xacobeo 2027 para impulsar a promoción do Ano Santo

Redacción

O comisario do Xacobeo e o presidente do Consello Reitor da entidade financeira formalizaron hoxe o acordo de colaboración

Caixa Rural Galega contribuirá á promoción do Xacobeo 2027 cunha achega económica de 150.000 euros, destinada a apoiar a difusión e o desenvolvemento de actuacións vinculadas ao vindeiro Ano Santo. A Xunta de Galicia e a entidade financeira formalizaron esta colaboración mediante un acordo de patrocinio asinado hoxe polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román,  e o presidente do Consello Reitor de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López.

Román destacou a importancia de sumar a implicación das entidades galegas á estratexia de promoción do vindeiro Ano Santo. “O Xacobeo 2027 é unha gran oportunidade para proxectar Galicia nos ámbitos nacional e internacional e poñer en valor o Camiño de Santiago como patrimonio cultural e espiritual”, sinalou.

O comisario do Xacobeo agradeceu a colaboración de Caixa Rural e salientou a importancia de traballar conxuntamente para consolidar Galicia como un destino de referencia e favorecer que os beneficios desta celebración cheguen ao conxunto do territorio.

Pola súa banda, o presidente do Consello Reitor de Caixa Rural Galega puxo de relevo o compromiso da entidade co desenvolvemento de Galicia e coa promoción dos seus valores culturais e patrimoniais. “O Camiño de Santiago forma parte da nosa identidade e constitúe un patrimonio de enorme valor para Galicia e para Europa. Con esta achega queremos contribuír á difusión do Xacobeo 2027 e apoiar unha celebración que representa unha oportunidade para impulsar o turismo, dinamizar a actividade económica e dar a coñecer Galicia en todo o mundo”, afirmou.

A doazón realízase con carácter puro, simple e irrevogable. Os fondos destinaranse á promoción, divulgación, apoio e mecenado do Ano Santo Xacobeo 2027, declarado acontecemento de excepcional interese público.

Con esta aportación, Caixa Rural Galega contribúe a impulsar a difusión de Galicia, do Camiño de Santiago e do patrimonio cultural asociado á celebración do vindeiro Ano Santo, sumando o apoio da entidade financeira aos esforzos de promoción dun acontecemento de especial relevancia turística, cultural e económica para a comunidade.

Comparte este artigo