Aberta a inscrición para o coloquio “O Camiño Portugués: Presente, Pasado e Futuro unha singular ruta xacobea”

Redacción

Celebrarase o 5 e 6 de novembro reunindo en Tui a máis de vinte expertos internacionais 

A singularidade do Camiño Portugués cunha tradición multisecular, o crecemento que está a experimentar esta ruta xacobea e a inmediata celebración dun novo Ano Santo e a celebración dos 800 anos da consagración da catedral de Tui son algunhas das razóns que alentan a celebración do coloquio internacional “O Camiño Portugués: pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea”. Celebrarase o xoves 5 e o venres 6 organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, co apoio de Turismo de Galicia e do Concello de Tui.

Ao longo destas dúas xornadas máis de vinte expertos na temática xacobea abordarán o papel do Camiño Portugués, subliñando o que desempeñan Tui e Valença como puntos referenciais nesta ruta. Debaterán para lograr unha diagnose da actualidade do Camiño Portugués e os seus retos así como ofrecer elementos de capacitación aos axentes vinculados a esta ruta de peregrinación para abordar a súa xestión contando cos modelos distintos en Portugal e Galicia.

Neste Coloquio participan membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago como Paulo Almeida, da Universidade Nova de Lisboa, Melchor Fernández, da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, Piotr Roszak da Universidade de Torun (Polonia), Klaus Herbers da Universidade de Erlangen-Nürenber (Alemaña), Paulo Caucci, émerito da Universidade de Perugia (Italia) ou Francisco Singul, xefa da área de cultura do Xacobeo, Jacopo Caucci da Universidade de Florencia (Italia) e o presidente deste Comité, Manuel Castiñeiras González, catedrático na Universidade Autónoma de Barcelona. Xunto a eles outros expertos participaran neste coloquio como Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia, Marta Cendón Fernández, da Universidade de Santiago, Andreia Lopes Frazão da Silva, da Universidade Federal de Rio de Janeiro, Francisco Carvalho e Carlos Pazo, da Universidade do Minho, Joana Martins da Silva, da Universidade de Lisboa, etc. Destaca tamén a presenza do director do Instituto Europeo dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Rui Gomes.

Este amplo abano de expertos xunto a representantes de asociacións e axentes relacionados co camiño e a hospitalidade garanten que nesta dúas xornadas poderemos participar e asistir a un amplo debate sobre o Camiño Portugués que converten a Tui nun punto referencial na xestión deste itinerario de peregrinación con mais de mil anos de historia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece a escolla da nosa cidade como sede deste importante coloquio que permite  abordar unha reflexión conxunta sobre o Camiño Portugués, os seus retos e oportunidades, a súa xestión e promoción, os valores que o identifican e singularizan… en definitiva como afrontar os desafíos que formula o Camiño Portugués e o crecente número de peregrinos que o transitan.

A inscrición neste Coloquio é libre e gratuíta, enviando un correo electrónico a cultura.xacobeo@xunta.gal. O programa previsto o 5 e 6 de novembro desenvolverase no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.

Comparte este artigo