A ausencia de interese por parte do alcalde do PP en promover políticas ou iniciativas que axuden a impulsar a actividade en sectores como o comercio local deixan estampas como a da rúa Lalinde del Río, outrora referente e que actualmente conta cada vez con menos negocios
Na reunión coa veciñanza do pasado luns quedou patente o fracaso da política de formigón de Telmo Martín en Portonovo
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte do custe que está a soportar a veciñanza de Portonovo pola falta de xestión e de interese por parte do alcalde, Telmo Martín, en revitalizar a vila. Esta foi unha das principales inquedanzas que os nacionalistas recolleron na reunión celebrada o pasado luns na Casa Mariñeira, na que veciños e veciñas da localidade amosaron a súa preocupación pola falta de vivenda e a ausencia de políticas que permitan dar un pulo á actividade económica na zona durante todo o ano.
“A política de formigón do señor Martín limítase a centrarse no verán, sen mirar máis alá dos arredores de Silgar, e esa mentalidade está a provocar unha importante decadencia na calidade de vida en Portonovo”, apuntan desde o Bloque. Este escenario queda perfectamente reflexado no aspecto que presenta na actualidade o núcleo da vila. Rúas como Lalinde del Río, que no seu día foi un dos centros neurálxicos do pobo, “presenta un panorama desolador, con cada vez menos negocios operativos”. Neste sentido, o BNG faise eco da preocupación existente pola ausencia de políticas que sirvan para incentivar e dinamizar sectores como o comercio local. “O Partido Popular e Telmo Martín limítanse a que no paseo de Baltar e na rúa Rafael Picó funcionen ben os postos da Feira de Verán, pero non existe por parte do Goberno local ningún tipo de preocupación en satisfacer as necesidades e velar polos intereses dos autónomos, autónomas e negocios locais que tratan de sobrevivir durante todo o ano”, critican os e as responsables da agrupación nacionalista. De seguir nesta liña, advirten desde o Bloque, “o que vai a conseguir Telmo Martín é que unha vila tan importante como Portonovo, coa súa historia e tradición, acabe sendo un destino para turistas”.
Desde o BNG reprochan tamén ao alcalde que utilice á localidade para facer propagando da súa política de formigón. “No seu día o alcalde anunciou un parking no Espiñeiro, proxecto do que non volvimos saber nada. Mentres, os espazos para estacionar seguen sendo moi reducidos, especialmente no verán e nas proximidades do centro de Portonovo”, recordan desde o Bloque, que incide en que na reunión coa veciñanza do pasado luns tamén quedou patente a preocupación que existe pola falta de oferta de vivenda, un mal endémico que, tal e como recalcan os nacionalistas, “non ten solución a curto prazo, por moitas promesas que fagan o señor Martín e a Xunta de Galicia. A realidade é que o modelo urbanístico promovido por Telmo Martín limita por completo as opcións para poder vivir en Sanxenxo durante todo o ano, o que obriga a moita xente, especialmente entre a mocidade, a ter que buscar oportunidades noutros lugares. Mentres tanto, milleiros de vivendas de segunda residencia permanecen baleiras durante tres cuartas partes do ano”.

