Ernesto Filgueira demanda unha actitude proactiva do alcalde para dar resposta ás xustas demandas da veciñanza de Laxoso (Quireza)

Redacción

Para o Portavoz nacionalista é necesario evitar o illamento e a fenda tecnolóxica

A veciñanza do lugar de Laxoso (Quireza) leva seis anos realizando ante representantes do goberno municipal unha serie de demandas que teñen a ver con servizos básicos como a fibra óptica, a mellora da seguridade vial e da iluminación.
Demandas xustas, razonábeis e cun escaso importe económico.

En primeiro lugar, a veciñanza de Laxoso ven reclamando desde hai varios anos a colocación de puntos de luz tanto no lugar onde están situados os contedores do lixo (un lugar que precisa dunha boa iluminación, especialmente durante as épocas do ano en que hai menos horas de luz e unhas condicións meteorolóxicas máis adversas), coma no cruce de entrada e saída ao lugar, un espazo no que tamén é preciso un espello de tráfico para mellorar a visibilidade nunha zona onde os veciños e veciñas adoitan agardar a que os recolla algún coche ou taxi.

En segundo lugar, demándase que se cumpra, aínda que sexa con tantos anos de retraso, a promesa do do alcalde de que a fibra óptica chegaría ao 100% das vivendas do concello durante 2023 (estamos a finais de 2026 e non hai nada feito). A fibra óptica é, hoxe por hoxe, un servizo básico, imprescindíbel para o tecido económico e para un concello que queira atraer novos veciños e veciñas. A extensión da fibra -unha demanda recurrente tanto dos veciños e veciñas de Laxoso como doutros lugares de Cerdedo Cotobade- debe ser unha prioridade para un goberno municipal que ve como a poboación do concello vai minguando ano tras ano.

O BNG, que levou todos estes temas ao pleno da corporación, seguirá insistindo para que os veciños e veciñas deste lugar de Quireza conten cuns servizos que a día de hoxe son imprescindíbeis para desenvolver a vida diaria e para evitar o illamento e a fenda tecnolóxica.

Ernesto Filgueira demandoulle a Cubela que se poña mans á obra. “Está vostede en tempo de desconto. Prometeulle ás veciñas e veciños que a fibra óptica estaría en todos os lugares do concello no 2023. Estamos a finais do 2026, tres anos despois, e o asunto segue estancado, sen ningún tipo de avance. A verdade é que vostede pode presumir diante dos veciños e veciñas de Laxoso da súa xestión, da súa nula xestión”

Comparte este artigo