O Porriño concentra a maior oferta de emprego da feira inmersiva de Clece en Galicia, con 46 postos de traballo

Redacción
  • A iniciativa reuniu no municipio 14 entidades sociais e de emprego e permitiu realizar 111 entrevistas a persoas interesadas en acceder ao mercado laboral

O Porriño foi a última parada da primeira feira inmersiva de emprego organizada por Clece en Galicia, unha iniciativa pioneira que achega as oportunidades laborais ás persoas demandantes de emprego a través dunha experiencia práctica que lles permite coñecer de primeira man as características dos diferentes postos antes de participar nos procesos de selección.

A xornada celebrada no municipio contou coa participación de 14 entidades sociais e de emprego e permitiu realizar 111 entrevistas a candidatos interesados nas oportunidades laborais ofrecidas pola compañía. A previsión inicial contemplaba 31 vacantes, unha cifra que finalmente se ampliou ata os 46 postos de traballo, situando O Porriño como a localidade con maior oferta laboral das tres nas que se desenvolveu esta experiencia.

A diferenza das feiras de emprego convencionais, esta proposta aposta por un formato inmersivo no que as persoas participantes, todas demandantes de emprego, poden percorrer diferentes espazos temáticos e coñecer de maneira visual e práctica as funcións, ferramentas e características dos empregos ofertados. Responsables de cada servizo explican como é o día a día profesional en ámbitos como a limpeza, a seguridade privada, a cociña en escolas infantís, a axuda a domicilio, a loxística ou a limpeza industrial.

Deste xeito, os candidatos poden achegarse á realidade de cada profesión antes de iniciar unha entrevista de selección, coñecer mellor as súas posibilidades e valorar que opcións se axustan aos seus intereses e capacidades.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou a importancia da colaboración entre empresas, administracións públicas e entidades sociais para favorecer a inserción laboral: “Cando traballamos xuntos, somos capaces de crear máis oportunidades e de ofrecer respostas máis adaptadas ás necesidades das persoas, apuntou, valorando ademais de xeito moi postivo que  O Porriño concentrase a maior oferta de vacantes desta primeira edición galega da feira, cun total de 46 postos de traballo, e agradeceu a implicación das entidades participantes e de Clece na organización desta iniciativa.

Orientación laboral e formación

A iniciativa vai máis alá da selección de persoal. Naqueles casos nos que as persoas participantes amosan interese por un posto para o que aínda non contan coa formación necesaria, os equipos de selección ofrecen información sobre os itinerarios formativos dispoñibles e outras alternativas laborais compatibles co seu proceso de capacitación.

Irene Domingo, responsable de Selección de Clece na zona Noroeste, destaca que arredor do 80 % dos postos presentados axudaron aos participantes a identificar se realmente desexaban formarse para desenvolver esa actividade ou se preferían explorar outras opcións profesionais.

O obxectivo é acompañar as persoas durante todo o proceso, facilitarlles información para tomar decisións máis conscientes sobre o seu futuro profesional e favorecer o encontro entre as súas capacidades e as necesidades do mercado laboral.

A feira percorreu tamén as localidades de Ourense e Ferrol. No conxunto das tres xornadas participaron máis de 300 persoas e 34 entidades sociais e de emprego, e realizáronse 286 entrevistas, ademais de atender outras 15 persoas que acudiron espontaneamente interesadas nas oportunidades laborais.

Comparte este artigo