O PP esixe a poda en altura dos plataneiros de Manuel del Palacio, avalada por máis de 160 sinaturas de veciños afectados

Redacción
  • Rafa Domínguez e Pepa Pardo mantiveron un encontro con veciños dos edificios afectados, que están a sufrir diferentes problemáticas pola falta de acción do Goberno de Lores
  • Os populares recibiron tamén queixas veciñais de outras rúas, como Daniel de la Sota, Castelao ou Benito Corbal, onde as ramas se colan nas fiestras dos edificios

O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez,  e a concelleira Pepa Pardo mantiveron un encontro con veciños da rúa Manuel del Palacio que levan anos demandando ao Concello de Pontevedra unha poda en altura dos plataneiros desta avenida sen recibir resposta algunha por parte do Goberno de Lores.

Domínguez e Pardo comprobaron de primeira man como os plataneiros alcanzan unha altura que chega ata o oitavo piso dos edificios a ambas beiras da estrada e que está a causar moitas molestias á veciñanza. Todas elas as foron poñendo en coñecemento do Concello de Pontevedra ao longo dos últimos 26 anos de xeito individual e a resposta que obtiveron sempre foi a mesma: o silencio.

Agora veñen de presentar polo rexistro do Concello de Pontevedra máis de 160 sinaturas de persoas afectadas que reclaman a poda en altura e en extensión dos plataneiros que, recordan, levan máis de dúas décadas sen unha poda en condicións. Para Domínguez esta situación é “intolerable” e unha demostración máis da total falta de xestión do alcalde Lores e o seu grupo e Goberno.

Os veciños acudiron ao Partido Popular de Pontevedra cansos da pasividade do Goberno de Lores e fartos de ter que soportar diferentes problemáticas nas súas vivendas. Rafa Domínguez escoitou como varias veciñas se atopan con problemas de saúde mental provocada pola falta de luz natural que provoca a falta de poda das árbores. Tamén souberon que varias vivendas tiveron que facer fumigacións pola bichería que se acumula nas ramas.

O líder do PP de Pontevedra púxose no lugar destes veciños que “non poden abrir as ventás das súas propias casas e que están a presentar incluso problemas de alerxias derivados dos plataneiros”. Pepa Pardo e Rafa Domínguez charlaron cos veciños e informáronlles que hai outras moitas rúas afectadas por esta problemática e que xa recibiron queixas tamén de veciños de rúas como Daniel de la Sota, Castelao ou Benito Corbal, onde as ramas das árbores se coan polas fiestras dos edificios. En Daniel de la Sota, ademais, as queixas tamén se reciben polas froitas das árbores que, en tempada de maduración, se acumulan no chan e provocan esvaróns. 

Os populares entenden que a situación que están a vivir os veciños da Rúa Manuel del Palacio non é lóxica e solicitan ao Concello de Pontevedra que realice unha poda en altura en condicións e canto antes, respectando a época do ano aconsellada para facer estes traballos.

Domínguez e Pardo entenden que nestas árbores non só se deben podar as ramas baixas que molestan ao tráfico dos vehículos, que é o que se fixo nos últimos anos, senón que hai que facer unha actuación máis en profundidade que reduza considerablemente a altura dos plataneiros, respectando sempre a árbore para preservar a súa vida.

Ao mesmo tempo, os populares, esixen ao Concello de Pontevedra que realice unha revisión das árbores de todas as rúas da cidade e que proceda á poda de mantemento daqueles exemplares que supoñan unha molestia para a veciñanza. “Non pode ser que as familias que viven nos seus fogares non poidan abrir as fiestras porque as ramas entran nas súas casas. Esiximos ao Goberno de Lores unha actuación inmediata”, remata Pardo.

Comparte este artigo