Borrageros: «O PP da Estrada segue a protexer no rueiro os símbolos do golpe de 1936»

Redacción

O portavoz municipal do BNG cualifica de inadmisible o voto en contra dos populares á moción conxunta de BNG, PSOE e Móvete sobre memoria democrática

O portavoz municipal do BNG da Estrada, Marcos Borrageros, cualificou de inadmisible o voto en contra do Partido Popular á moción conxunta que BNG, PSOE e Móvete levaron ao Pleno para cumprir a Lei 20/2022 de Memoria Democrática. A moción pedía retirar do rueiro os nomes de Calvo Sotelo e do IRYDA, dedicar unha das vías principais aos Mártires da Estrada e declarar o 5 de xuño Día da Memoria da Estrada.

«Noventa anos despois do golpe militar contra a República, A Estrada segue a ter débedas pendentes coa verdade, a xustiza e a reparación. Hoxe o PP decidiu que esas débedas sigan sen pagarse», afirmou Borrageros.

Un voto que non se entende

O portavoz nacionalista lembra que o PP non actuou igual noutros concellos. «En Cerdedo-Cotobade ou en Cariño, os populares abstivéronse ou deixaron saír adiante mocións cos mesmos contidos. Por que na Estrada non?», preguntou.

Para Borrageros, esta postura é impropia dun partido que se di democrático. «Negarse a retirar estes símbolos é negarse a condenar, aínda que sexa de forma implícita, os feitos que levaron o Estado español a unha ditadura fascista», sinalou.

O portavoz apunta ademais a unha contradición que retrata o PP local. «Ás veces acúsannos de vivir nunha superioridade moral. Pero son eles quen nola poñen en bandexa: a estatua de Castelao, símbolo do galeguismo e do exilio, está nunha rúa que leva o nome de Calvo Sotelo, unha denominación que a Lei de Memoria Democrática obriga a retirar.»

Calvo Sotelo e IRYDA, fóra do rueiro

Borrageros explica que o nome de Calvo Sotelo na rúa principal non é unha homenaxe á súa traxectoria política, senón unha imposición da ditadura. O réxime usou o seu asasinato, en xullo de 1936, como pretexto para o golpe e converteuno nun símbolo da súa propaganda. A propia Lei de Memoria Democrática suprimiu o título de duque de Calvo Sotelo que lle concedera a ditadura.

Sobre o IRYDA, o portavoz rexeita que as obras ou as concentracións parcelarias xustifiquen honrar un organismo do Estado franquista. «Unha democracia non pode homenaxear a burocracia dunha ditadura», resumiu.

A última vontade dos Mártires da Estrada

A moción lembraba tamén a represión na vila. O Pleno xa recoñeceu como lugar de memoria a Ponte do Regueiro, onde foron asasinadas seis persoas. O 5 de xuño de 1937 foron fusilados o alcalde lexítimo, Jesús Puente Fontanes, e os concelleiros leais á República. Antes de morrer, deixaron un encargo: que unha rúa importante da vila levase o nome de Rúa dos Mártires da Estrada.

«Non pedimos un simple cambio de nome. Pedimos cumprir a última vontade duns veciños asasinados polas súas ideas», defendeu Borrageros.

A moción incluía tamén pedir á parroquia e á diocese que retiren a homenaxe ao bando franquista da fachada da igrexa, como establece a lei.

Unha débeda pendente desde 2003

O BNG lembra que xa en marzo de 2003 unha comisión municipal de expertos en cultura, historia e toponimia propuxo por unanimidade cambiar estes nomes. Aquel ditame suxería chamar Rúa Porto Verdura á rúa Calvo Sotelo, Rúa dos Xardíns á rúa Iryda e dedicar unha rúa aos Mártires da Estrada. «Pasaron máis de vinte anos e o PP segue sen facer nada», concluíu o portavoz.

Comparte este artigo