• O presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy animou a todos os asistentes a traballar arreo para acadar, por fin, o cambio que España necesita e volver a recuperar a dignidade do país.
• O cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, reivindicou o papel estratéxico das pemes, a industria, a automoción e o sector servizos como motores económicos da provincia.
• Nidia Arévalo asegurou que a cidadanía está “farta e cansa” de promesas incumpridas, escándalos e do deterioro das institucións, sinalando que “xa está ben de corrupción, privilexios e atropelos” e afirmando que o 29 de novembro “imos varrelos”.
O presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, acompañado polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López; a alcaldesa de Mos e cabeza de lista ao Senado por Pontevedra, Nidia Arévalo, e o cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, asistiron en Mos a unha comida que reuniu a 200 empresarios da área metropolitana de Vigo.
Á comida tamén asistiron os candidatos ao Congreso e o Senado, Irene Garrido, Ruth Álvarez, Alfonso Vázquez, Ana Alonso e Santiago Rodríguez.
Durante a súa intervención, o cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, quixo comezar recoñecendo o papel fundamental dos empresarios e autónomos como motor da provincia. Subliñou que detrás de cada empresa “hai moito máis que unha actividade económica: hai ideas, investimentos, preocupacións e, sobre todo, persoas, traballadores, familias e oportunidades”.
Neste senso, puxo en valor a diversidade do tecido produtivo da área metropolitana de Vigo —desde a automoción, o sector naval e a pesca ata o comercio, o turismo e as pemes— lembrando que “a riqueza non se crea nos despachos dos gobernos, senón nas empresas co esforzo diario de miles de persoas”.
Comesaña advertiu sobre as dificultades actuais ás que se enfronta o sector, sinalando a burocracia, os custos, a incerteza e a presión fiscal. Apoiándose nos datos da Axencia Tributaria, destacou que a recadación tributaria do Estado na provincia de Pontevedra medrou máis dun 70 % en sete anos, pasando de 2.047 millóns de euros en 2018 a 3.494 millóns en 2025. Ante estas cifras, preguntouse “como se está traducindo toda esa maior recadación en melloras reais para a provincia”, cuestionando o seu retorno en infraestruturas, conexións ferroviarias e aéreas, vivenda ou apoio directo ás empresas.
Fronte a este escenario, o candidato popular contrapuxo o proxecto económico de Alberto Núñez Feijóo, centrado en ofrecer estabilidade, simplificar trámites e aliviar a carga fiscal. Entre as medidas concretas que se porán en marcha a partir do 29 de novembro, destacou a exención do IVE para autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais, a cota cero durante dous anos para novos autónomos menores de 35 anos, a redución das declaracións fiscais, a actualización do IRPF para ter en conta a inflación.
Nidia Arevalo: “Imos a varrelos”
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos e cabeza de lista ao Senado por Pontevedra, Nidia Arévalo, centrou a súa intervención en reclamar un cambio de ciclo político para o próximo 29 de novembro. Na súa mensaxe aos empresarios, Arévalo asegurou que a cidadanía está “farta e cansa” de promesas incumpridas, escándalos e do deterioro das institucións, sinalando que “xa está ben de corrupción, privilexios e atropelos” e afirmando con contundencia que o 29 de novembro “imos varrelos”.
En clave económica, a candidata popular cuestionou duramente a xestión do Executivo de Pedro Sánchez, denunciando que dende a súa chegada ao Goberno subiron “100 impostos” e que, mentres o Estado bate récords de recadación, moitas familias chegan xustas a fin de mes e as empresas loitan por sobrevivir.
Nidia Arévalo lamentou que os autónomos, o comercio, a hostalaría e a industria sufran un incremento constante dos custos laborais, enerxéticos e financeiros acompañado de máis trabas, intervención e burocracia. Fronte a isto, reivindicou o proxecto do Partido Popular para premiar o esforzo, respectar a quen arrisca o seu patrimonio e impulsar unha España “que volva crecer, producir e liderar”.

